Noticias

Entra entra en vigor o Plan Hidrolóxico de Galicia costa 2021-2027

O Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027 entra en vigor como unha folla de ruta con rango de lei para lograr que o 100% das masas de auga da conca acaden o bo estado. O BOE publica a aprobación deste plan, tras unha tramitación que comezaba coa luz verde por parte do Consello da Xunta hai xa oito meses, e a posterior autorización, o pasado 24 de xaneiro, por parte do Goberno central. Con ese fito, Galicia pioneira ao aprobar o seu plan de conca, un instrumento de planificación que ten moi en conta a necesidade de adaptar a xestión da auga ao novo contexto de cambio climático, tanto no relativo ao risco de inundacións como aos episodios de seca.

O Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, que ten vixencia durante 6 anos, permitirá velar pola calidade de todos os ríos que nacen e morren na comunidade, das augas costeiras asociadas e das augas de transición.

O citado documento recolle un programa de 212 medidas e 1.885 M€ de investimento. O maior esforzo económico destinarase ás actividades máis importantes para a calidade das augas: o saneamento e a depuración, prevendo unha mobilización de 973 M€; e o abastecemento, con máis de 560 M€, absorbendo o 80% do orzamento do plan.

Un total de 110 das 212 medidas previstas con carácter de investimentos disporán de financiamento autonómico, é dicir, máis de 605 M€. Polo tanto, a Xunta asume o 52% das medidas recollidas no plan e o 63% do investimento previsto.

Ademais, o plan contén 79 medidas de carácter normativo para establecer normas adaptadas ás problemáticas actuais do uso da auga, á xestión máis sustentable, ao contexto climático e a garantir un mellor cumprimento dos obxectivos ambientais.

Novidades

O plan inclúe novidades normativas para a preservación das masas de auga, como a limitación de plantacións en zonas de servidume do dominio público hidráulico e de traballos que supoñan o deterioro dos ecosistemas dos ríos, fomentando a vexetación de ribeira.

Así, daranse facilidades aos cidadáns para realizar plantacións, sementas ou traballos de mantemento en zona de policía pero fóra de servidume, labores que poderán facerse sen autorización de Augas de Galicia.

O plan tamén recolle unha maior protección das masas da auga cunha mellor xestión dos xurros, establecendo a obrigatoriedade de impermeabilizar o seu almacenamento e cubrilos axeitadamente, para evitar posibles vertidos ao medio.

En canto aos caudais ecolóxicos, incorpóranse diversas previsións para contribuír a clarificar a súa aplicación así como o control do seu cumprimento, pois estes caudais son de aplicación directa e inmediata e, polo tanto, de obrigado cumprimento.

Estableceranse, ademais, medidas contra o uso abusivo da auga.

Consenso

A Xunta realizou un inxente traballo de campo para elaborar o novo plan, que incluíu a revisión e actualización do plan anterior (2015-2021), realizando unha completa análise e primando a participación.

Para isto, acometéronse 55.000 analíticas nas masas de auga con distintos parámetros, físico-químicos, biolóxico e hidromorfolóxicos, para avaliar o seu estado e a súa calidade.

Ademais fomentouse a participación pública, coa divulgación dos contidos e a sensibilización sobre a importancia da protección dos recursos hídricos, acadando un consenso maioritario coa incorporación de achegas recibidas.

R., 2023-02-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES