
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na clausura do foro final de resultados do proxecto europeo Sudoe Agrosmart Global para a mellora da competitividade do cooperativismo no sector agroalimentario, no que puxo en valor a implicación dunha trintena de entidades galegas nas actividades desenvolvidas para mellorar a súa proxección internacional e aproveitar as oportunidades das plataformas dixitais de venda de produtos.
Nacida co obxectivo de impulsar o comercio internacional das cooperativas e pequenas empresas agroalimentarias galegas, a iniciativa europea -pilotada na comunidade pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentaria (Agaca) co apoio da Xunta de Galicia- chegou a 30 entidades, que participaron nalgunha das actividades do proxecto, e permitiu posicionar máis de 50 produtos en tres plataformas dixitais de vendas (marketplaces).
Toca puxo en valor a importancia do programa para favorecer e protexer o posicionamento dos produtos agroalimentarios nos mercados dixitalizados e que situou a Galicia nun proxecto internacional, da man de cooperativas de Portugal e Francia e das comunidades de Castela León, País Vasco e A Rioxa. Parte da actividade, destacou, centrouse na consecución de contactos comerciais directos de compradores, especialmente de China e de EEUU que, no caso das firmas galegas, acadaron os 200.
A Xunta está a impulsar o cooperativismo como fórmula comprometida co entorno, a innovación e co medio rural, xeradora de emprego estable e de calidade e coa que se fixa poboación no rural, indicou a secretaria xeral.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade seguirá a avogar en 2023 pola economía social co compromiso de destinar 42 millóns de euros a este modelo, un 20,8% do orzamento mobilizado en 2022. Neste marco, avanzou Toca, intensificaranse as accións de difusión, os apoios á creación e de iniciativas e de impulso do emprego inclusivo.
Entre os diversos programas previstos, darase continuidade ás iniciativas Es-Factory, de aceleradoras de emprendemento; Es-Transforma, para recuperar negocios sen remuda xeracional a través da súa transformación en entidades de economía social; ou Es-Próxima, para profundar no selo de identidade da economía social.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.