
'O noroeste da Península Ibérica non se resigna a ser periferia. Ten a determinación de estar no centro do mundo', resaltou durante a súa intervención o presidente galego, Alfonso Rueda, quen resaltou a importancia de que as tres comunidades, con Gobernos de distintas cores políticas, estean unidas a prol dos intereses dos seus territorios. 'España tamén ten futuro porque Galicia, Asturias e Castela e León teñen un futuro no que hai que compartir, no que todos temos que aportar e que debe correr polas vías do Corredor Atlántico que transitaremos unidos', indicou.
No encontro, Galicia, Asturias e Castela e León presentaron a estratexia elaborada de forma coordinada para definir os obxectivos concretos e as liñas de traballo que deben guiar a modernización da rede ferroviaria de mercadorías no noroeste e incrementar así a súa competitividade territorial. 'Temos que facer que a nosa posición xeográfica sexa unha posición gañadora', indicou Rueda, quen resaltou que estas tres comunidades xa son 'unha ponte natural entre Europa e América; un punto central do Arco Atlántico e están moi preto de Portugal'.
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta agradeceu ao Goberno central o nomeamento dun Comisionado do Executivo estatal para o Corredor Atlántico -anunciado durante o transcurso deste encontro- co obxectivo de articular actuacións vencelladas ao corredor e que actúe de interlocutor co resto de Administracións e entidades. Para Rueda trátase do 'primeiro éxito' deste cumio xa que era unha das reclamacións que as tres comunidades participantes no encontro levaban tempo solicitando ao Ministerio. 'Era unha das peticións deste cumio e, polo tanto, o cumio xa logrou o primeiro dos seus obxectivos', resaltou Rueda, que fixo fincapé en que 'o camiño a seguir' para avanzar pasa pola 'colaboración e por non discriminar a ninguén'.
Estratexia
A estratexia elaborada de forma conxunta por Galicia, Asturias e Castela é León recolle as actuacións que cada comunidade autónoma identificou como prioritarias para executar na rede ferroviaria e que pasan, fundamentalmente, pola execución das infraestruturas pendentes, a electrificación de vías, o aumento de gálibos ou a redución de ramplas. As intervencións supoñen un investimento conxunto de 7.884,3 M.
Agora, unha vez definidas as liñas prioritarias, serán remitidas ao Goberno de España co obxectivo de que lle sirvan de base na elaboración do Plan Director do Corredor Atlántico, que atenda as necesidades do noroeste e impulse os investimentos co apoio da Unión Europea.
As tres comunidades coinciden na urxencia de contar cunha folla de ruta consensuada que debe elaborar o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, recollendo, de forma detallada e calendarizada, os investimentos e actuacións necesarias.
Galicia, Asturias e Castela e León consideran imprescindible aproveitar a oportunidade única do reforzo dos orzamentos da UE co fin de paliar os efectos derivados da covid-19 coa creación extraordinaria dos fondos Next Generation UE para impulsar a remodelación global da rede ferroviaria do noroeste que está incluída no trazado do Corredor Atlántico, ademais dos xa previstos recursos do mecanismo Conectar Europa, que no programa 2021-2027 está dotado con 25.800 M para o sector do transporte.
Obxectivos estratéxicos
O obxectivo final é poder dispoñer en 2040 dunha liña ferroviaria que una o noroeste peninsular a Europa e que permita convois eléctricos de mercadorías con calidade e capacidade para que os camións suban ao tren.
Coas infraestruturas e investimentos necesarios, Galicia, Asturias e Castela e León aspiran a triplicar o volume de mercadorías transportado por ferrocarril no horizonte do ano 2040, pasando dos 7 millóns de toneladas/ano a máis de 20 millóns de toneladas/ano.
Dese xeito, sería posible chegar a transportar a través do ferrocarril ata o 12% das mercadorías, acadando así unha porcentaxe de cota modal similar á media europea.
Isto suporía un importante transvase de mercadorías da estrada ao tren e suporía vantaxes ambientais, ao conseguir reducir a emisión de máis de 22 millóns de toneladas de CO² á atmosfera.
A infraestrutura fará, polo tanto, máis competitivo o transporte ferroviario, permitindo un aforro de custos superior aos 1.300 M e mobilizar unha media de 6.600 empregos ao ano, entre directos e indirectos, durante as fases de execución das obras.
Trátase de impulsar un transporte de futuro multimodal, que permita que un produto chegue a un determinado porto en barco, para ser transvasado a un tren que descarga nunha terminal intermodal desde a que un camión o leve ata o seu destino final.
Os presidentes da Xunta de Galicia, da Junta de Castela e León e do Principado de Asturias plasmaron as reivindicacións e obxectivos compartidos nunha declaración institucional de impulso ao Corredor Atlántico Noroeste que selaron ao remate do acto.
Co encontro de hoxe, as tres comunidades do noroeste dan un paso máis para reforzar a alianza estratéxica constituída en 2017 e que permitiu corrixir o erro histórico que supuña deixar este territorio peninsular á marxe do trazado dos corredores europeos de transporte de mercadorías.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras manter hoxe un encontro co seu homólogo na Rioxa, Gonzalo Capellán, volveu rexeitar a proposta de modelo de financiamento autonómico feita polo Goberno central xa que rompe a solidariedade e a igualdade entre as comunidades. 'No caso de Galicia, saímos especialmente prexudicados porque se rompen principios que para nós son absolutamente irrenunciables como a negociación conxunta, a exclusión de bilateralidades, o mantemento da solidariedade e da igualdade en servizos básicos entre todos os territorios', apuntou. 'Somos algo máis do 6,5% da poboación axustada de España e na nova repartición non chegariamos nin ao 3% dos recursos'.
Galicia volve bater o seu propio récord con 429 transplantes e 143 doadores de órganos durante o ano 2025. Da cifra total de transplantes do pasado ano, 229 foron de ril, dos que 22 procedían de doadores vivos; 116 de fígado; 7 de páncreas; 26 de corazón e 51 de pulmón. Estes 429 transplantes beneficiaron a un total de 420 pacientes, tendo en conta que algúns casos foron de transplantes multiorgánicos. Os transplantes pancreáticos, que son os máis complexos, experimentaron a maior subida: incrementáronse un 75 % con respecto ao ano anterior, desde os 4 realizados en 2024 aos 7 de 2025.