
Yolanda Prezado (Verín, 1977) é licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS). Previamente, formou parte do Institut Curie, en París, como líder do grupo de radiobioloxía traslacional. Durante os anos 2019 e 2020 presidiu o Comité Científico da Federación Europea de Físicos Médicos e o Congreso Europeo de Física Médica. Desde o seu regreso a Galicia está xa configurando un polo de referencia en radioterapia avanzada no CiMUS, cunha proxección clínica e tecnolóxica de longo percorrido.
A Unidade da Muller e da Ciencia destacou o papel de Yolanda Prezado nas investigacións sobre radioterapia e, especificamente os seus traballos sobre protonterapia, un campo no que está considerada unha referente europea. En xeral, o seu labor céntrase en impulsar tratamentos radiobiolóxicos fronte ó cancro, con terapias menos invasivas. De feito, os seus avances foron merecedores do premio da Academia Francesa das Ciencias no ano 2021.
En 2024, despois de máis dunha década en Francia, a Dra. Prezado retornou a Galicia para incorporarse ao CiMUS-USC como investigadora distinguida do programa Oportunius da GAIN, o que supón a validación operativa do principal instrumento que a Xunta deseñou para captar talento investigador de excelencia internacional. O obxectivo do seu retorno é impulsar a investigación en protonterapia, unha tecnoloxía da que Galicia será referente a nivel estatal coa apertura en 2026 do primeiro centro da rede pública estatal.
O Pleno da Unidade Muller e Ciencia destacou que este ano foi un dos máis complicados á hora de escoller unha proposta, ao haber candidaturas moi diversas, con moito talento e que supuxeron unha difícil elección. Hai que sinalar que este premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anualmente desde o ano 2007 e leva o nome da investigadora matemática galega, pioneira e referente internacional no ámbito das ciencias e que, ademais, foi unha investigadora adiantada aos seus tempos.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.