Noticias

A Xunta anuncia o seu apoio ao sector da construción para afrontar a alza de custos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu hoxe o apoio do Goberno galego á construción para afrontar a alza de custos e puxo en valor a calidade, sustentabilidade, a unidade e a formación como claves para a súa fortaleza, sobre todo de cara a un 'ano decisivo'. 'É un sector que temos que coidar', defendeu Rueda, quen argumentou que se trata dunha actividade 'fundamental para Galicia, xa que é símbolo de potencia económica'. 'Se funciona o sector da construción é porque está funcionando o tecido económico', aseverou o mandatario galego durante a súa participación hoxe na sinatura dun protocolo de colaboración entre a Xunta, a Fundación Laboral da Construción e a Fundación Catedral para formar operarios no eido da restauración.

Na súa intervención, o presidente da Xunta incidiu na importancia dun sector que supón 80.000 empregos en Galicia e que aglutina ao 10% das empresas da comunidade, un peso que xustifica que o Goberno galego redobrara esforzos para, entre outras cuestións, minimizar o impacto da suba de prezos de materiais, transporte e enerxía que as firmas que traballan neste eido veñen padecendo nos últimos tempos.

O presidente da Xunta lamentou que o Goberno central derrogara o regulamento posto en marcha o ano pasado polo Goberno galego para facer fronte a estes incrementos e que despois fose o propio Executivo estatal o que habilitara un propio sen consulta previa ás CC.AA.

Sistema permanente de actualización de prezos

Malia iso, Rueda puxo en valor que a Xunta atendeu solicitudes de revisión extraordinaria de prezos e puxo en marcha os mecanismos necesarios para atender as 38 peticións recibidas na Axencia Galega de Infraestruturas, o que garantiu a execución de proxectos clave como a intermodal de Vigo, a ampliación do IFEVI ou da avenida do Polígono de Sabón, a autovía Nadela-Sarria, ademais da vía de alta capacidade Tui-A Guarda, en plena construción.

Neste senso, a Xunta está a impulsar un sistema permanente para a actualización das bases de prezos, xa que, segundo argumentou Alfonso Rueda, facilitará que as licitacións saian nos termos máis axeitados e facilitará que os proxectos sexan finalmente viables.

Ano de licitacións potentes

Na súa intervención, o presidente da Xunta anunciou un ano de “licitacións potentes” desde o punto de vista da obra pública en Galicia e que condicionou aos fondos europeos. Por este motivo, insistiu na importancia da axilización destes “moitos cartos” por parte do Goberno central para facer realidade un “ano decisivo” no eido da construción en Galicia.

Rueda tamén afondou nas fortalezas nas que se debe afianzar o sector galego e que, segundo avogou, pasa por avanzar en tres camiños: o da calidade e da sustentabilidade, coa promoción de selos de boas prácticas; o da unidade, coa suma de forzas de toda a cadea de valor da construción, e o da formación, para atraer ás novas xeracións e garantir a remuda xeracional no sector.

Nesa aposta pola profesionalidade no sector, Rueda lembrou que o Goberno galego dedicou máis de 620.000 euros a colaboracións coa Fundación Galega da Construción para formar a preto de mil persoas e está a traballar para expedir a Tarxeta Profesional da Construción para os titulados da Formación Profesional, para que poidan acreditar os seus coñecementos. Así mesmo, estanse a impulsar os ciclos de FP orientados ao sector, con máis apoio á formación dual ou optimizando as sinerxías coas empresas.

Formación de operarios na restauración do patrimonio

Neses obxectivos encádrase tamén o protocolo de colaboración asinado entre a Xunta, a Fundación Laboral da Construción e a Fundación Catedral para a formación de operarios en restauración. Trátase de aproveitar a experiencia na rehabilitación de monumentos da fundación catedralicia para avanzar cara a figura do coidador de edificios patrimoniais, cada vez máis pertinente en Galicia.

O presidente da Xunta cualificou esta iniciativa de “pioneira e necesaria”, á que vez que lle augurou moito futuro para atraer a xente moza a esta vertente especializada da construción, tanto para atopar traballo dentro de Galicia como fóra da comunidade.

R., 2023-01-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES