Noticias

As bibliotecas celebran o mércores o día do usuario con visitas comentadas e recoñecementos aos lectores máis activos do ano pasado

A Xunta de Galicia conmemora o vindeiro mércores 11 o Día do Usuario das Bibliotecas cunha ampla programación para achegar estes servizos á cidadanía, con visitas comentadas ás instalacións, obradoiros, contacontos e recoñecementos aos lectores máis activos durante o ano pasado. A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés programa un obradoiro de 10,00 a 11,00 horas coordinado por Lía Santiso dirixido a público adulto para reflexionar sobre distintas obras literarias e tamén para que os usuarios podan compartir as súas experiencias.

Poderase participar previa inscrición na axenda web da biblioteca. Haberá tamén agasallos para os socios de honra infantís, o propio mércores ás 18,00 horas aos catro nenos que máis préstamos levaron durante o ano pasado.

En Lugo, a Biblioteca Pública ofrecerá dúas quendas de visitas guiadas, ás 12,00 horas e ás 18,00 horas previa inscrición telefónica no 982 828 327. Tamén se nomeará os usuarios de honra. Serán tres adultos e tres infantís, que recibirán un libro como agasallo. Ademais, durante toda a xornada haberá marcapáxinas de deseño variado para dar a todas as persoas que ese día leven documentos en préstamo.

A Biblioteca Pública de Ourense Nós tamén contará con dúas quendas para dar a coñecer as súas instalacións e servizos entre a cidadanía. Están programadas para o mércores ás 11,00 e ás 17,00 horas, con cita previa no teléfono 988 788 385. O nomeamento de socios de honra recaerá nos tres usuarios infantís e nos tres adultos con máis préstamos e, a partir dese día, poderán retirar en préstamo un maior número de obras e faráselles entrega dun loite de libros para seguir gozando coa lectura. Ademais, durante toda a semana haberá actividades continuadas para os máis pequenos como Martes na biblio (de 4 a 6 anos) e Bebecontos o xoves 12 para nenos de ata 3 anos

En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola tamén nomeará o mércores aos socios de honra, tres adultos e tres infantís. Ademais, o venres, ofrecerá o obradoiro Detectives de misterios na biblioteca de 17,30 a 19,00 horas. Esta actividade converterá aos nenos (de 8 a 12 anos) en detectives que investigarán para resolver un misterio e atopar unha mensaxe oculta polas diferentes zonas que a forman. Con inscrición previa na páxina web da biblioteca.

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel programa dúas quendas de visitas guiadas o día 11 de xaneiro, ás 12,00 e ás 18,00 horas, así como o nomeamento dos socios de honra aos tres usuarios infantís e tres adultos con máis préstamos. Tamén haberá unha sesión de contacontos o mércores 11 ás 18,00 horas con Trinketrinke Teatro coa peza O cole de Lonxedetodo, dirixido a nenos maiores de 4 anos. Ademais, realizarase un sorteo de dous lotes de libros entre os usuarios que empreguen a biblioteca o Día do Usuario.

Finalmente, na Cidade da Cultura, a Biblioteca de Galicia ofrecerá unha visita guiada ás 12,00 horas para dar a coñecer as súas instalacións e coleccións e amosará os espazos de acceso restrinxido onde se custodian a maior parte dos seus fondos. Poderase participar previa reserva no correo [email protected]. Ademais, ten previsto realizar agasallos de libros aos usuarios e persoas que visiten a biblioteca ese día.

Na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal organizarase o mércores a actividade Préstamo a cegas, coa que cada usuario escolle unha bolsa e descubrirá o que contén. Tamén se nomearán os socios de honra entre os tres usuarios infantís e nos tres adultos con máis préstamos durante o ano pasado. Como recoñecemento, ao longo deste 2023 poderán retirar en préstamo un maior número de obras.

R., 2023-01-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES