Noticias

Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda

Nun día coma hoxe, é inevitable botar a vista atrás e facer balance de todo o andado neste 2022. E facelo aquí, onde os peregrinos acreditan a súa chegada ao final de todos os Camiños, a Galicia. Eles superáronse para chegar canda nós, igual que o Camiño de Santiago superouse a si mesmo como a nosa mellor carta de presentación ante o mundo. Ao longo do ano foron 438.000 as persoas que recolleron a Compostela neste Centro de Acollida ao Peregrino, certificando así unha experiencia que seguro vai permanecer sempre no seu recordo. A elas hai que sumar outras moitas que completaron a Ruta sen achegarse a pola súa credencial.

E neste 2022, acadamos xuntos importantes fitos. Batemos o noso récord histórico de visitantes, máis de seis millóns, o que significa que puidemos demostrar a nosa hospitalidade a moita máis xente, de moitos lugares de España e tamén do resto do mundo. Galicia non é nin moito menos unha moda pasaxeira, senón un lugar excepcional que vai seguir seducindo ao mundo durante moitos anos máis. Hoxe culminamos un Bienio Santo único, pero a Década Xacobea vai continuar.

Ademais da nosa indiscutible riqueza natural e cultural, a mellor carta de presentación de Galicia tamén deben ser os valores que nos unen. Esta terra é exemplo de responsabilidade, de estabilidade e de solidariedade.

Reafirmarnos no que somos é especialmente relevante en momentos coma este, cando estes principios resultan case rarezas. Seguiremos polo tanto afastados da confrontación estéril, pero defenderemos con lealdade e argumentos aquelas causas que entendemos xustas e útiles para esta terra, para Galicia.

E pese ás incertezas, sairemos adiante se permanecemos xuntos e centrados no verdadeiramente importante, que é o benestar cotián de Galicia.

Creo que podemos sentirnos moi orgullosos de ter construído entre todos uns servizos públicos de primeiro nivel. É unha das nosas maiores riquezas, e precisamente por iso é lóxico que sexamos inconformistas e aspiremos sempre á excelencia.

A Xunta vai seguir facendo todo canto estea na súa man para ofrecer aos galegos a sanidade pública que merecen, para ofrecerlles unha educación que abra cada vez máis portas e para prestar a axuda que necesitan as familias con fillos ou que estean coidando a persoas dependentes.

Moitos galegos pasan estas datas preocupados pola súa economía familiar ou pola viabilidade do seu negocio. Levamos xa moitos meses padecendo unha inflación que se nota en todas partes: nos supermercados, nas gasolineiras, nos alugueiros e hipotecas e, para os autónomos e pequenos empresarios, no trato diario cos provedores.

Polo tanto, apoiamos aos que padecen con dureza as dificultades económicas; é, e vai seguir sendo, unha meta compartida. E por iso todos os avances acadados nesa dirección sempre van ser ben recibidos. Pero é necesario ser inconformistas e que a cidadanía sinta sempre que a súa calidade de vida é a prioridade de todas as Administracións, sen excepcións. Porque as dificultades non remataron.

E para asegurar a prosperidade de todos, Galicia debe aproveitar as oportunidades que se agochan no contexto económico actual, que tamén as hai. Contamos cuns traballadores comprometidos e competentes, cun ecosistema investigador e empresarial que favorece a innovación e cunha posición xeográfica privilexiada que nos ofrece o noso balcón sobre o Atlántico.

O traballo que fixemos desde Galicia nos últimos meses situou os novos investimentos á nosa porta. Agora só falta que o Goberno central, que é quen ten as chaves do reparto, llela abra para que entren a crear emprego, riqueza e un futuro mellor aquí, en Galicia.

Gustaríame dirixirme especialmente á xente nova. Sei que moitas veces parece que o mundo avanza a un ritmo moito máis lento que os dos vosos desexos e obxectivos. Pero asegúrovos que con esforzo, constancia e dedicación, a vida que soñades acabará chegando. E para apoiarvos, a Xunta seguirá mellorando as políticas de emprego, as políticas de vivenda e a formación de primeiro nivel.

Non temos por que ir lonxe para buscar referentes. Os equipos de Emerxencias, os profesionais da Sanidade, as forzas de seguridade e todos os traballadores que nestas datas redobran os esforzos. A súa entrega habitual converteuse en heroicidade na traxedia de Cerdedo-Cotobade. O accidente cobrouse sete vidas que non van desaparecer do noso recordo. Seguiremos téndoos presentes a eles e aos seus seres queridos.

O 2022 déixanos probas de que Galicia dá o mellor de si nos peores momentos. É algo do que todos creo que podemos sentirnos orgullosos. No meu caso, síntome privilexiado por camiñar ao carón das galegas e os galegos en cada nova etapa. Especialmente despois de que o meu compromiso con Galicia dese este ano un novo paso adiante. Ser presidente da Xunta implica, desde logo, a maior honra, pero tamén a maior responsabilidade que poida existir.

As novas obrigas que asumín neste ano implican que lles deba pedir moito tempo prestado aos meus, que desde logo cunha xenerosidade inmensa comprenden as miñas preocupacións, comprenden as miñas ausencias e tamén, por que non dicilo, os meus malos momentos. Estas festas son especialmente felices porque nos brindan a oportunidade de compartir máis momentos cos nosos. Somos moitos os que aproveitaremos estas datas para compartir momentos coas nosas parellas, estar coas nosas fillas e fillos e para ter esa conversa sempre pendente cos nosos pais e familiares. E para devolver tan sequera unha parte do cariño incondicional que nos demostran a diario, todos os días.

A suma das vivencias persoais de cada un —como esta que acabo de compartir con vostedes— compoñen a andaina colectiva do pobo galego.

Deséxolles que no 2023 afronten os novos retos con prudencia e con sentidiño, pero tamén con optimismo e ilusión. Haberá reveses, sen dúbida, pero os momentos felices, tamén sen dúbida, serán moitos máis. E cando haxa que superar obstáculos, farémolo como sempre fixemos os galegos: apoiándonos os uns aos outros. Desfruten destas festas e moi feliz e venturoso ano 2023 para todos!

R., 2022-12-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES