Noticias

As autoestradas autonómicas manterán o custe das peaxes, mentres se incrementa un 4% o da AP-9 e da AP-53

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe o convenio co que a Xunta vai impedir unha suba do 7% nas peaxes das autoestradas autonómicas e lamentou a 'pésima noticia para Galicia' do incremento das tarifas da AP-9 e da AP-53. Vázquez Mourelle, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, asinou hoxe co director xeral da concesionaria Autoestradas de Galicia, César Canal, o convenio que establece as tarifas que se van aplicar a partir do vindeiro 1 de xaneiro nas dúas autoestradas de xestión autonómica, A Coruña-Carballo (AG-55) e Vigo-Baiona (AG-57).

A conselleira salientou que esas tarifas van permanecer conxeladas no ano 2023 porque o Goberno galego considerou necesario realizar un especial esforzo de acompañamento ás familias nun momento economicamente complexo.
 
Lembrou que xa o pasado ano, cando o IPC obrigaba a aplicar unha suba do 5% nas autoestradas autonómicas, a Xunta decidiu que se aplicaría só a metade do incremento, facéndose cargo a Administración autonómica do resto da achega económica.
 
Agora, cunha situación máis difícil para os galegos, Ethel Vázquez sinalou que a Xunta aposta por responder con “medidas excepcionais a situacións excepcionais” e redobra o esforzo, conxelando as peaxes para evitar unha actualización de tarifas do 7%.
 
Segundo afirmou, o Goberno galego apostou pola “anticipación e a planificación”, reservando nos Orzamentos do ano 2023 unha partida de 4,8 M€ que fará posible que as tarifas das autoestradas autonómicas non suban e se manteñan as bonificacións existentes.
 
En concreto, a conselleira indicou que o convenio asinado hoxe recolle unha achega de 2 M€ para manter conxeladas as peaxes e evitar así que os 26.500 usuarios diarios das autoestradas autonómicas afronten esa suba do 7%.
 
O convenio blinda tamén o mantemento durante o vindeiro exercicio das diferentes bonificacións que se veñen aplicando sobre as súas peaxes da Xunta desde hai anos. Trátase de descontos do 25% na 1ª viaxe de volta e do 50% a partir da segunda volta; do 50% nas viaxes nocturnas; e do 100% da viaxe de retorno para as familias numerosas.
 
Ethel Vázquez explicou que a tradución práctica da conxelación de tarifas e das bonificacións para usuarios recorrentes nas autoestradas autonómicas é que un usuario habitual da autoestrada Vigo-Baiona aforre uns 200 euros no ano 2023, unha cifra que se eleva ata os 300 € no caso do percorrido A Coruña-Carballo. No caso de que sexan viaxes nocturnas ou as realicen membros de familias numerosas, o aforro verase incrementado.
 
A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que con este convenio asinado hoxe, as autoestradas da Xunta seguirán a estar entre as máis baratas de España. Fronte a isto, sinalou a “inaceptable” decisión do Goberno de España de autorizar unha suba de peaxes do 4% nas tarifas da AP-9 e da AP-53 a partir do día 1 de xaneiro.
 
Sinalou que os galegos volven así atoparse con que teñen que pagar máis por circular pola principal vía de comunicación da Comunidade, a autoestrada AP-9, na que a peaxe leva subindo de forma extraordinaria máis de 4 anos, volvendo a encarecerse agora de xeito moi notable.
 
E, engadiu, que o mesmo sucede na AP-53, Santiago-Dozón, co agravante, neste caso, de que se trata da única autoestrada estatal na que non se aplica ningunha bonificación ao usuario.
 
A conselleira incidiu en que é unha “pésima noticia para Galicia” a decisión final do Goberno de España de non seguir o camiño da Xunta, conxelando as peaxes das autoestradas estatais, polo que os galegos afrontarán o domingo unha nova suba do 4% nas peaxes da AP-9 e da AP-53.

R., 2022-12-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES