Noticias

Rueda avanza que o Plan Estratéxico da Conserva 2022-2030 reforzará a calidade, o potencial exportador e a innovación

O Plan Estratéxico da Conserva 2022-2030 é unha folla de ruta coa que o Goberno galego busca reforzar a calidade, o potencial exportador e a innovación dun sector crucial para a economía e o territorio galego. Trátase dunha planificación, elaborada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (Anfaco-Cecopesca), que inclúe arredor de 80 medidas para consolidar Galicia como un referente mundial neste eido. Vaise actuar en sete eixos: a financiación, a produción, a comercialización e exportación, a I+D+i, no emprego e na reputación social.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou esta mañá en Vigo o Plan Estratéxico da Conserva 2022-2030, unha folla de ruta coa que o Goberno galego busca reforzar a calidade, o potencial exportador e a innovación dun sector crucial para a economía e o territorio galego. O obxectivo é que, malia os retos e dificultades do actual contexto económico, “a industria conserveira galega siga sendo a industria punteira e referente que sempre foi”, resaltou.
 
Trátase dunha planificación, elaborada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (Anfaco-Cecopesca), que inclúe arredor de 80 medidas para consolidar Galicia como un referente mundial neste eido. Vaise actuar en sete eixos: a financiación, a produción, a comercialización e exportación, a I+D+i, no emprego e na reputación social. “É certo que Galicia leva feito moito na industria conserveira, pero o espírito de superación ten que ser sempre unha constante”, indicou Rueda, quen destacou a importancia da “colaboración público-privada” en iniciativas coma esta.

Para seguir avanzando e mellorando neste eido, o Plan Estratéxico da Conserva 2022-2030 conta con medidas e propostas específicas para diversificar os mercados e chegar a máis lugares fóra da Unión Europea; poñer en valor a produción de proximidade e as marcas históricas; avanzar na dixitalización -mediante o impulso do comercio eléctrónico, a robotización ou a I+D+i-; atraer talento e garantir a remuda xeracional -mediante o reforzo da FP Dual vencellada co sector ou implantando a xornada laboral de 32 horas- ou para promocionar e fomentar a dieta atlántica.

Rueda resaltou que con esta folla de ruta para os vindeiros anos, Galicia demostra que quere seguir avanzando e mellorando nun sector no que xa é unha potencia mundial. Neste sentido, o presidente da Xunta lembrou que “sete de cada dez quilos de conserva exportados en España saen de Galicia”; que as conserveiras galegas “facturan ao ano 2.500 M€”, dan traballo a 12.000 persoas e que son un motor clave para a economía de moitas comarcas como a de Vigo, o Morrazo, a Costa da Morte ou o Barbanza.
 
Defensa do sector pesqueiro

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que a Administración galega sempre está a carón dun sector tan importante para Galicia como o pesqueiro. Neste sentido, lamentou a regulación europea que supuxo o veto á pesca de fondo e que afecta a parte da frota galega e que o Goberno central aposte por unha normativa de costas cada vez máis restritiva.
 
Ademais, lamentou que a rebaixa do IVE en alimentos básicos que acaba de anunciar o Executivo do Estado non inclúa ao peixe nin a carne entre eles pois son alimentos básicos da cesta da compra dos galegos. “É preciso un cambio de fiscalidade nestes produtos que son considerados esenciais”, indicou.

R., 2022-12-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES