Noticias

A Xunta modifica o convenio coa concesionaria das autoestradas autonómicas para conxelar as peaxes e seguir bonificándoas en 2023,

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello autorizou hoxe que o Goberno galego conxele en 2023 as tarifas das peaxes das autoestradas autonómicas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) para contrarrestar e mitigar os efectos do incremento do IPC nas tarifas. “As autoestradas autonómicas galegas xa son as máis baratas de toda España e queremos que o sigan sendo”, resaltou Rueda, quen anunciou que a Xunta xa se puxo en contacto co Goberno central para demandar a conxelación das peaxes nas vías de titularidade estatal.  

Rueda destacou que, de non tomar esta medida, as tarifas terían que “incrementarse un 7%” e salientou que a conxelación vai beneficiar aos “preto de 27.000 usuarios diarios” que teñen estas dúas vías.
 
O Consello da Xunta aprobou hoxe unha nova modificación do convenio coa concesionaria Autoestradas de Galicia pola que se prorrogan as tarifas nas autoestradas autonómicas, que xa no 2022 se reduciron a menos da metade do que lle correspondería polo incremento do IPC.
 
O Goberno galego reserva nas contas do vindeiro ano 2023 unha partida de 4,8 M€ para conxelar as peaxes e manter as bonificacións vixentes nas autoestradas autonómicas AG-55 e AG-57, o que supón un incremento do 86 %.
 
Segundo o recollido no novo contrato coa concesionaria autorizado hoxe e que se asinará nos vindeiros días, o Goberno galego achegará 2 M€ para limitarlles aos cidadáns o impacto da suba do IPC nas peaxes das autoestradas autonómicas, manténdose sen variacións as tarifas actualmente vixentes.
 
A Xunta, con esta medida, trata de minimizar o impacto económico que están sufrindo as familias e as empresas como consecuencia da situación económica actual e a suba do IPC.
 
Neste sentido, a Xunta promove unha nova modificación do convenio coa concesionaria para conxelar as peaxes no vindeiro 2023, manténdose así as tarifas sen variación algunha para o usuario con respecto a este ano 2022.
 
Deste xeito, as peaxes na AG-55 e na AG-57 manteñen as tarifas vixentes para os distintos itinerarios, beneficiándose do efecto desta medida nos diferentes treitos.
 
Bonificacións

As autoestradas autonómicas, das máis baratas de España, contan con distintas liñas de bonificacións impulsadas pola Xunta.
 
A día de hoxe, as autoestradas autonómicas manteñen o custo medio por quilómetro aboado polos usuarios máis baixo de Galicia: máis baixo que o da AP-9, aínda a pesar das bonificacións vixentes, e tamén máis baixo que a outra autoestrada estatal AP-53, na que non existe ningún tipo de bonificación. As tarifas das autoestradas autonómicas, sen IVE, sitúanse en 5,6 céntimos/km, fronte aos 6,1 céntimos/km de tarifa media da AP-9; ou os 7,7 céntimos/km da AP-53.
 
Con esta medida impulsada pola Xunta, as autoestradas autonómicas seguirán sendo das máis baratas de España, cun custo medio por quilómetro inferior ao das autoestradas estatais AP-9 e AP-53.
 
Cómpre lembrar que o Goberno galego ampliou no ano 2021 o desconto do 25 % da volta, e do 50 % na segunda volta, aos usuarios recorrentes ata as 24 horas posteriores á realización da viaxe de ida.

Con esa modificación, estendeuse ás 24 horas despois do traxecto de ida o desconto do 25 % da viaxe de volta, e do 50 % na segunda viaxe de volta. Reforzouse así o anterior período de bonificación que establecía que a volta debía realizarse no mesmo día natural que a ida, favorecendo as persoas que se desprazan por estas vías para acceder aos servizos públicos ou acceder ao seu lugar de traballo.
 
Demanda ao Goberno central

O presidente da Xunta tamén fixo alusión durante a rolda de prensa tras o Consello ao anuncio do Goberno central de que vai asumir parte da suba anunciada cara o 2023 nas autoestradas galegas de titularidade estatal como a AP-9. “Celebramos que se impida unha suba tan grande como a anunciada, pero é unha medida decepcionante”, resaltou Rueda, quen indicou que a Xunta púxose en contacto co Ministerio para demandarlle que “faga o mesmo ca Xunta e conxele as peaxes” nestas vías. “Non pedimos nada que non se poda facer”, resaltou o presidente, quen instou ao Goberno a rectificar para reducir o impacto que esta suba vai ter para as familias e as empresas.

R., 2022-12-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES