Noticias

Os Fondos Feder e FSE+ 2021-2027 achegarán 2.300 M€ a Galicia para reforzar a súa cohesión económica, social e territorial nesta década

A Comisión Europea acaba de aprobar os programas dos fondos estruturais Feder e FSE+ xestionados pola Xunta para o período 2021-2027, que achegarán a Galicia 2.300 M€ entre as axudas europeas e a cofinanciación da Comunidade Autónoma. O Programa Galicia FEDER 2021-2027, deseñado para recibir a axuda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, conta cunha asignación financeira da UE que ascende a 940,2 M€, o que, xunto coa financiación da Xunta, achegará un importe total para o Programa de 1.567 millóns de euros. Unha cantidade coa que se seguirá traballando para impulsar a innovación, a transición dixital e a competitividade das pemes, así como para avanzar na transición ecolóxica.


Neste marco, os recursos procedentes do Feder destinaranse a investimentos para lograr unha Galicia máis competitiva e intelixente, impulsando a transformación innovadora, dixital e o crecemento sostible e a competitividade das pemes.
 
Así mesmo promoveranse actuacións en materia de eficiencia enerxética, enerxías renovables, adaptación ao cambio climático e prevención de riscos, ciclo da auga, economía circular ou protección e restauración do medio ambiente. Ademais, tamén se financiarán actuacións relacionadas coa mobilidade sostible, as infraestruturas educativas e sanitarias, así como a cultura e o turismo sostible.
 
FSE+ Galicia 2021-2027

A Comisión Europea tamén aprobou o Programa FSE+ Galicia 2021-2027 que acada os 738,4 millóns de euros (448,5M€ da contribución da UE e 289,9M€ proporcionados pola Xunta de Galicia). Este programa promoverá a sustentabilidade e a calidade do emprego, a inclusión social e a loita contra a pobreza ou a formación e educación.
 
Estes recursos destinaranse a medidas relacionadas co emprego, a adaptabilidade das persoas traballadoras e emprendedores, así como a promover unha participación equilibrada de xénero no mercado de traballo, constituíndo unha prioridade o emprego xuvenil.
 
Trátase de fomentar a inclusión social e a loita contra a pobreza, mellorar a calidade e inclusión dos sistemas de educación e formación, ou promover a aprendizaxe permanente.
 
En definitiva, a Comisión Europea ven de aprobar para 2021-2027, os Programas de Galicia dos fondos estruturais FEDER e FSE+, cuxo período de elixibilidade finaliza o 31 de decembro de 2029. Estes Programas contribuirán a reforzar a cohesión económica, social e territorial de Galicia nesta década, atendendo ás prioridades políticas da Unión Europea, especialmente as transicións verde e dixital, no contexto da Política de Cohesión.

R., 2022-12-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES