
Tamén recordou a frutífera andaina dunha iniciativa que se asentou como marca no ano 1997 co apoio do Goberno galego para amparar e potenciar a reputación da materia prima galega, a excelencia dos seus produtos e a calidade dos seus servizos.
Rachou tópicos e amosou unha Galicia que non se baseaba nin imaxes grises nin lendas negras, enxalzou Rueda, quen agradeceu a aposta visionaria que tiveron de sumarse nos seus inicios a este distintivo marcas xa nese momento amplamente recoñecidas nos mercados, como Estrella Galicia, Coren ou Jealsa. As tres apostaron desde un principio e teñen agora moita potencia, valorou.
Rueda tamén lembrou outras marcas que non tardarían en adherirse ao distintivo Galicia Calidade, como Cabreiroá, Mondariz, Feiraco, o Porto de Celeiro e Avícola de Galicia, nunha constante e firme aposta que hoxe en día integra a 150 empresas galegas e 750 produtos e servizos. Como resultado dese empeño, salientou que desde aquela Galicia e Calidade quedaron unidas para sempre e parece que unha leva á outra. Quen aspire a entender o que somos non pode ignorar que Galicia leva o apelido de calidade, sentenciou.
Na celebración do XXV aniversario de Galicia Calidade, o presidente da Xunta tamén remarcou a aposta decidida do Goberno galego pola marca, tal e como considerou que queda demostrada coa inxección de case 22 millóns de euros desde o ano 2009 para conquistar a excelencia de Galicia en sectores como a moda, a conserva ou automoción.
Unha nova aposta polo sector agroalimentario
Alfonso Rueda, quen asistiu á gala acompañado polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e polos conselleiros do Medio Rural e do Mar, José González e Rosa Quintana, respectivamente, subliñou que a andaina, lonxe de se interromper, ampliarase coa sección Galicia Calidade Alimentaria, que apostará por produtos recoñecidos do sector alimentario galego, pensando sobre todo en impulsar a súa internacionalización.
Ademais, tamén garantiu que a Xunta de Galicia seguirá comprometida coa calidade dos produtos agroalimentarios galegos. Así, precisou que o Goberno galego investirá preto de 5,5 millóns de euros en 2023 para dar a coñecer as bondades das 36 denominacións e indicacións xeográficas protexidas en feiras e mediante campañas ou para promover a produción de proximidade.
Para finalizar a súa intervención, o presidente da Xunta animou os galegos e galegas a celebrar os 25 anos daquela fértil semente degustando, brindando ou agasallando produtos da marca Galicia Calidade nunhas festas de Nadal nas que a Comunidade festexa avanzar polo bo Camiño, en referencia ao Xacobeo. Precisamente, recordou que se dá a casualidade que ambas marcas naceran case ao mesmo tempo, pero non é casualidade que poidan empregarse como sinónimos e tarxetas de presentación en moitos lugares do mundo, concluíu.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.