Noticias

O programa Nadal en Rede arranca este venres con actividades nunha vintena de concellos

Foi presentada a programación dunha nova edición de Nadal en Rede, o programa de dinamización lingüística que arranca este venres e levará actividades para público familiar a unha vintena de concellos. Na edición deste ano apóstase por actividades dirixidas aos máis pequenos da casa. A primeira das actividades será este venres no centro social de Pontecesures coa proposta Fazulas e o ladrón de paraugas. Trátase dunha iniciativa da compañía teatral Bandullo Azul, protagonizada por Fran Campos e baseada no libro homónimo de Xosé Lueiro, do que o concello receptor da actividade recibirá 5 exemplares.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe a programación dunha nova edición de Nadal en Rede, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Xunta de Galicia que arranca este venres e levará actividades para público familiar a unha vintena de concellos.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que na edición deste ano apóstase por actividades dirixidas aos máis pequenos da casa. “Os cativos son sempre os que máis gozan destas datas de celebración e por iso quixemos pensar en eles no deseño do programa”. “E, coma sempre, imos da man de artistas, profesionais e empresas de recoñecido prestixio que teñen na lingua propia de Galicia a base da súa creatividade”, engadiu.
 
A primeira das actividades será este venres no centro social de Pontecesures coa proposta Fazulas e o ladrón de paraugas. Trátase dunha iniciativa da compañía teatral Bandullo Azul, protagonizada por Fran Campos e baseada no libro homónimo de Xosé Lueiro, do que o concello receptor da actividade recibirá 5 exemplares.

O espectáculo conta a viaxe iniciada por Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, na súa teima por saber de que cor é o vento. Para darlle resposta a ese misterio, emprenderá unha fantástica aventura collido á empuñadura dun paraugas.

Esta peza que trata de sensibilizar a cativada sobre temas como a violencia machista ou os conflitos bélicos pasará tamén polos concellos de Campo Lameiro (sábado 17), Salceda de Caselas (mércores 21), Poio (xoves 22), Vigo (venres 23), Foz (mércores 28), Rodeiro (mércores 28), Valdoviño (xoves 29), Laracha (venres 30) e Lalín (venres 30).
 
A programación inclúe tamén o contacontos O Apalpador e os Monifates, unha proposta do máis orixinal e divertida que combina o contacontos arredor dunha figura senlleira do Nadal galego coa música e os monicreques danzantes, un tipo de títere tradicional recuperado pola compañía Os Monifates, responsable do espectáculo.
 
Poderá verse o domingo 18 en de Malpica de Bergantiños, o venres 23 en Boiro, o sábado 24 no Porriño, o mércores 28 en Cospeito e o venres 30 en Carballedo.
 
Por último, a edición deste ano tamén contempla un concerto didáctico-sensorial para bebés de 0 a 3 anos no que a actriz Cristina Collazo, a través de pezas musicais orixinais do compositor Manuel Paino, realiza unha viaxe de descuberta polo corpo curioso dos nenos e das nenas (desde os seus dediños que exploran a natureza ata a sorpresa da auga na súa cara). A finalidade é que os cativos deixen voar a súa imaxinación e, con ela, saian a percorrer o mundo.
 
A iniciativa contará don sesións dobres nas localidades de Ribeira, o sábado 17; Narón, o mércores 21; O Carballiño, o venres 23; Monforte de Lemos, o martes 27, e O Barco de Valdeorras o xoves 29 de decembro.

R., 2022-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

A colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica acumulada polos servizos universitarios de atención psicolóxica e a evidencia científica dispoñible neste ámbito.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES