
A Xunta mantén en 2023 o transporte gratuíto aos menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova, que rexistrou un incremento de usuarios de máis dun 22% nos primeiros dez meses do ano.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa Xente Nova para o próximo ano. No seguinte enlace ao DOG pódese consultar toda a información: http://xurl.es/9q96f
Esta tarifa gratuíta aplícase aos usuarios da tarxeta Xente Nova en ata 60 viaxes ao mes no autobús interurbano da Xunta e no transporte en barco da ría de Vigo e no ferrocarril de proximidade na área de Ferrol.
Na actualidade, esta iniciativa pioneira da Xunta para o fomento do transporte público permite viaxar de balde en toda Galicia a máis de 132.000 menores de 21 anos.
Nos primeiros dez meses de 2022, nos que hai datos completos, emitíronse máis de 24.000 novas tarxetas, o que supón un crecemento superior ao 22% con respecto a 2021.
Case a metade das altas novas, máis de 11.000, rexistráronse entre agosto e setembro debido ao impulso das bonificacións adicionais nos prezos dos billetes que está a aplicar a Xunta.
Ata o final de outubro, o último mes con datos pechados, os menores de 21 anos realizaron máis de 4 millóns de viaxes gratuítas, case un 28% máis que en todo o 2021 e a cifra máis alta desde que se puxo en marcha da tarxeta Xente Nova en 2016.
O incremento de viaxeiros do transporte público rexistrado desde setembro tamén se reflicte no uso da tarxeta Xente Nova, que se situou en outubro no máximo mensual de viaxes gratuítas realizadas, con case 600.000, fronte ás preto de 450.000 que se realizaban de media nos meses lectivos previos ao verán.
Cómpre destacar que ata outubro, as familias galegas aforraron máis de 5,5 millóns grazas aos reintegros achegados pola Xunta aos titulares das tarxetas, unha cifra que supera en só 10 meses a dos anos anteriores.
Este aforro é máis significativo aínda tendo en conta o desconto extraordinario do 50% no prezo das viaxes aplicado desde setembro, que implica que as compensacións emitidas pola Xunta polo uso da tarxeta Xente Nova tamén corresponden coa metade dos importes dos billetes.
Desde a activación desta iniciativa en 2016, os titulares deste dispositivo realizaron máis de 14,4 millóns de viaxes gratuítas no transporte público por estrada, as cales se traducen máis de 16,9 millóns de euros que aforraron as familias dos beneficiarios.
Cabe salientar que A Coruña é a provincia onde máis dispositivos se emitiron desde a súa posta en marcha, sumando 70.653; seguida de Pontevedra, con 45.338; Lugo, 8.573; e Ourense, 7.533.
En canto a concellos, Vigo é o que ten máis tarxetas Xente Nova, con 12.176 tarxetas; seguido do concello da Coruña, con 10.667; e Santiago de Compostela, con 6.083 tarxetas.
O Goberno galego está a traballar actualmente para que os usuarios deste dispositivo poidan levalo directamente no teléfono móbil, o que permitiría facer as recargas sen necesidade de acudir a un caixeiro.
A Xunta continúa apostando polo transporte público e intensificará as súas vantaxes en 2023 cun orzamento de máis de 90 M, que seguirá financiando o 76% do custo do billete aos usuarios, o 100% no caso dos menores de 21 anos.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.