Noticias

Galicia insta ao Goberno central a acatar o criterio da Unión Europea e adaptar o nivel de protección do lobo á súa realidade

A Xunta de Galicia insta ao Goberno central a acatar o criterio da Unión Europea con respecto do status do lobo e adaptar canto antes o seu nivel de protección á realidade actual da especie ao norte do río Douro, co fin de poder mitigar e actuar de forma efectiva ante o impacto que provoca sobre o medio rural en xeral e a gandaría extensiva en particular. Tras os contactos mantidos entre os gobernos das principais comunidades lobeiras do país nos últimos meses con representantes de diferentes institucións europeas e eurodeputados, o pasado 24 de novembro a Eurocámara aprobou unha resolución na que instaba á Comisión Europea a tomar medidas para flexibilizar a situación actual de estrita protección do lobo e trasladar este acordo ao conxunto dos Estados membros.

A resolución comunitaria vai precisamente na liña defendida por Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias —que concentran o 95% dos exemplares de todo o país— desde que en setembro do ano pasado o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) decidiu, de forma unilateral e sen fundamento científico, incluír todas as poboacións de lobo ibérico de España na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).
 
Por iso, Galicia celebra a decisión adoptada en Estrasburgo xa que, ao igual que o resto de comunidades lobeiras, considera que lle dá a razón no seu rexeitamento ás últimas medidas adoptadas polo Executivo central con relación á xestión desta especie ao entender que poñen en perigo o equilibrio e a convivencia harmónica entre estes animais e as actividades agrogandeiras coas que comparten territorio.
 
Así mesmo, cómpre subliñar tamén que despois da resolución adoptada polo Parlamento comunitario a semana pasada, a presidenta da Comisión Europea (CE), Úrsula van der Leyen, remitiu unha carta aos eurodeputados que se interesaran en outubro polo tema a raíz da inquedanza transmitida polos catro conselleiros españois.
 
Na mesma, Úrsula van der Leyen amósase comprensiva ante a preocupación trasladada con relación aos ataques e conflitos que pode xerar o lobo en determinadas zonas ante as limitacións existentes polo seu actual nivel de protección.
 
Ademais, tamén traslada que xa deu instrucións aos servizos da propia CE para que analicen en profundidade os datos sobre a situación actual do lobo no territorio da UE e recoñece a posibilidade de que os estados membros apliquen a nivel local as medidas de xestión que vexan necesarias ou consideren derrogar as prohibicións derivadas do estrito nivel de protección do que goza esta especie co fin de prever danos graves.
 
Neste sentido, a Xunta esixe que, tendo en conta a resolución aprobada pola Eurocámara e mais a carta da presidenta da CE, o Goberno central derrogue canto antes a orde ministerial que cataloga o lobo como unha especie en réxime de protección especial, tendo en conta que esta inclusión supón ir na práctica máis alá do esixido pola propia directiva europea e que atenta contra a protección do medio rural e a supervivencia das actividades económicas tradicionais ligadas ao mesmo, tendo en conta o papel que xoga o sector gandeiro para dinamizar o territorio e contribuír á conservación dos hábitats e da biodiversidade.

R., 2022-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES