Noticias

A celebración do centenario de María Casares afronta a recta final con novas conferencias, exposicións e propostas escénicas e audiovisuais

A programación da Xunta no centenario de María Casares intensifica as súas actividades nesta recta final do ano con novas conferencias, exposicións e propostas escénicas e audiovisuais que se poderán gozar a partir do 21 de novembro, coincidindo coa data do seu nacemento. Ese mesmo día, a Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura inaugurará unha nova exposición bibliográfica con fondos propios que poderá visitarse ata o 27 de xaneiro e está comisariada por Patricia Babío e Carina Fernández. María Casares, a conquista da existencia inclúe unha trintena de libros, revistas, vídeos e discos que permitirán que os visitantes se acheguen á figura de María Casares que quedou plasmada no universo bibliográfico.

Súmase á mostra que acolle a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña ata o 21 de decembro. Trátase de María Casares, residente privilexiada, que reconstrúe mediante 200 libros, fotografías, películas e documentos e vida de María Casares, a súa contorna familiar e a súa relación co mundo cultural francés. Dentro da exposición teñen especial relevancia preto de 60 libros pertencentes á biblioteca persoal do seu pai, Santiago Casares Quiroga. Tamén destacan libros que escollen obras representadas pola actriz. Ao final do percorrido recóllense os premios e homenaxes que recibiu ao longo da súa traxectoria profesional. Pode visitarse de luns a venres de 8,30 a 20,30 horas e sábados de 10,00 a 14,00 horas.

Tamén o luns se estreará na Coruña o documental María Casares: a muller que viviu mil vidas da produtora Agallas Films co apoio da Xunta. Dirixido por Xabier Villaverde, propón unha aproximación íntima á vida da actriz.
 
Achegamento á súa figura

Un día despois da efeméride, o martes 22 culmina no Museo de Belas Artes da Coruña o ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, que desde o pasado mes de febreiro celebrou unha ducia de relatorios con personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada. A xornada de clausura, a partir das 19,00 horas, correrá a cargo do músico Pedro Soler, que acompañou a María Casares en varias ocasións nas súas producións, e da catedrática María Delgado, que, como autora e coeditora é responsable dunha ducia de libros entre os que destaca o que relata a unha visión da historia do teatro español a través de seis artistas onde María Casares é unha das protagonistas.
 
No eido escénico, a coprodución do Centro Dramático Galego con Ainé Producciones Continente María continúa estes días a súa viaxe por Galicia con dúas novas paradas: o Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o 26 de novembro, e a Teatro Principal de Ourense, o 11 de decembro. Con texto de Marianella Morena e dirixida por Tito Asorey, a obra é un canto ao teatro á vida a través do diálogo coa figura de María Casares.
 
Ciclo audiovisual

Tamén se retoma o ciclo audiovisual na Filmoteca de Galicia que arrancou o pasado mes de xuño. O 22 de novembro proxéctase o filme que marca o seu debut no cinema, Los niños del paraíso, de Marcel Carné, que terá un segundo pase o venres 25. Outros títulos da cinematografía francesa con Casares como protagonista que se proxectarán son Orfeo, de Jean Cocteu (días 23 e 24), Las damas del bosque de Bolonia, de Robert Bresson (día 24), e unha sesión dobre o 29 de novembro con Guernica, de Alain Resnais e Robert Hessens, xunto con El testamento de Orfeo, de Jean Cocteau.
 
Todas estas iniciativas intégranse na intensa programación levada a cabo pola Xunta durante todo o ano a través de máis dunha ducia de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorreron a pegada de María Casares desde diferentes plataformas e linguaxes. Xunto ao Goberno galego participan numerosas entidades e institucións de distintos territorios como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.

R., 2022-11-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES