
O obxectico é contar cunha rede eléctrica que permita levar a cabo proxectos estratéxicos e tractores para Galicia, indicou Rueda, quen lembrou que a anterior Planificación Eléctrica para o período 2021-2026 deixou fóra a algunhas industrias que planean investimentos claves na Comunidade e non da cabida a novos proxectos que xurdiron desde entón.
Nesta lista de prioridades, que segundo explicou Rueda vaise trasldar ao Goberno central, destacan infraestruturas que serán claves para garantir a viabilidade e competitividade de proxectos industriais intensivos en enerxía que se queren implantar en Galicia e que precisan da conexión á rede eléctrica como son o caso de Altri, Showa Denko ou a planta de hidróxeno verde das Pontes, entre outros, ademais de manter a demanda histórica da subestación de Vigo.
Así, solicítase a construción dunha nova subestación eléctrica, unha liña de conexión e unha entrada e saída á liña de 220kV existente Mesón do Vento-Belesar para que Altri poida operar en condicións óptimas.
A área da Coruña conta con varios proxectos industriais como a nova fábrica de ánodos de grafito para baterías de Showa Denko ou a planta de amoníaco verde de Armonía que fan necesario ampliar as capacidades actuais. Deste xeito proponse que Red Eléctrica Española amplíe a capacidade da subestación existente de 220kV.
Meirama é outra das localizacións que precisará ampliar a subestación actual, xa que se prevén proxectos como a planta de xeración de hidróxeno verde promovida por Repsol, Naturgy e Reganosa.
Con respecto á zona das Pontes -onde se pretenden implantar iniciativas como a fábrica de hidróxeno verde de EDP e Reganosa -H2Pole-, a biofábrica de Ence ou a central hidroeléctrica reversible promovida por Magtel- é necesario determinar o destino dos 1400MW de capacidade dispoñible no nó existente para ver a compatibilidade no proceso de desmantelamento parcial da central térmica das Pontes cos proxectos industriais e enerxéticos que se queren desenvolver na zona.
Ademais, a Xunta de Galicia volve insistir na inclusión da nova subestación de 220kV para a zona industrial de Vigo. Mantense como prioridade a garantía dunha subministración eléctrica de calidade tanto para a fábrica de Stellantis en Vigo, como para toda a área industrial da zona. É unha demanda histórica, lembrou Rueda.
O Goberno galego dará traslado destas medidas co obxectivo de que o Executivo central poida aprobar as modificacións necesarias na planificación actual para dar viabilidade a proxectos tractores que Galicia está impulsando. Neste sentido, a Comunidade foi moi penalizada na actual planificación eléctrica 2021-2026, aprobada en marzo deste ano, pois só se lle asignou un 1,1 % do total fronte á planificación anterior en que recibiu un 6,7 %.
Estas propostas son fundamentais tanto para dar cobertura á industria galega -a que xa está asentada e a que quere implantarse na Comunidade- como para facer fronte á transición enerxética, xa que se trata de infraestruturas clave para impulsar a recuperación económica. O Goberno galego considera que a planificación debe adaptarse ás novas necesidades industriais e de xeración de enerxía para acompañar as empresas ofrecendo seguridade e certezas para facer fronte aos cambios do contexto actual.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.