Noticias

Galicia valora o recurso do Goberno central ao veto á pesca de fondo e insiste na necesidade de solicitar a súa suspensión

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, valorou que o Goberno central presentase o recurso contra o veto á pesca de fondo establecido pola Comisión Europea e agradeceu este traballo ao que Galicia trasladou a súa achega co obxectivo de fundamentalo. Non obstante, a titular de Mar defendeu a necesidade de que o Executivo estatal solicite a suspensión temporal desta prohibición pois é unha medida arbitraria e sen base científica que está a ter un importante impacto na actividade da frota, polo que esta suspensión 'sería un bo respaldo para o sector'.

Así o sinalou a titular de Mar trala Conferencia Sectorial e Consello Consultivo de Pesca celebrados hoxe en Madrid. Alí Rosa Quintana tamén explicou que, segundo trasladou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, polo momento non é posible coñecer o recurso presentado polo Executivo estatal porque as normas dos tribunais comunitarios o impiden e que nunhas semanas publicarán as liñas xerais de fundamentación. Nese momento, subliñou a titular de Mar, Galicia poderá valorar a liña argumental que seguiu o Goberno central.

Non obstante, os diferentes asesores xurídicos consultados pola Xunta aseguran que existen grandes posibilidades de que prospere e que o Tribunal poida deixar sen efecto este regulamento de execución da Comisión Europea. Nesta liña, o Goberno galego agarda que as aportacións realizadas por Galicia axuden a acadar os mellores resultados posibles de maneira que o recurso prospere.

En canto ao impacto que está a ter o veto á pesca de fondo en Galicia, Rosa Quintana sinalou que no primeiro mes de restricións os datos provisionais reflicten unha caída de arredor do 50% nas descargas da frota e de máis do 20% no caso da facturación. Ademais esta prohibición provoca a saída da frota dunhas zonas de pesca nas que veu traballando durante décadas a outras nas que xa se atopan outros buques, co solapamento de áreas de traballo.

Neste sentido, a conselleira sinalou que Galicia seguirá apoiando ao Executivo estatal neste labor e tamén ao sector galego que recorrerá este veto e que neste caso ten de prazo para facelo ata o 15 de decembro. De feito, Rosa Quintana explicou que a Xunta está traballando para presentarse como coadxuvante do recurso da frota galega.

Na conferencia sectorial de pesca o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación e os representantes das comunidades autónomas tamén abordaron as directrices de acuicultura na Unión Europea e a transición enerxética para o sector pesqueiro. Nesta última cuestión, Galicia defende a necesidade de abordar estudos para definir que novo combustible pode ser utilizado pola frota pesqueira e de promover medidas para facer máis atractiva a actividade á xuventude como a construción de buques cunha mellor habitabilidade, máis seguros e adaptados ás esixencias relativas aos novos combustibles.

R., 2022-11-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES