Noticias

Sen avances na reunión sobre a A-6 entre Xunta de Galicia e Ministerio de Transportes

A Xunta cualifica de 'decepción' o resultado da reunión sobre a A-6 co Ministerio de Transportes, que non achegou explicacións suficientes do colapso, solucións eficaces para os transportistas nin plan concreto para a reconstrución integral da autovía. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou hoxe na reunión, por videoconferencia, convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sobre o colapso do viaduto do Castro da A-6, na que tamén participaron representantes do Goberno de Castela e León.

Vázquez Mourelle informou de que a Xunta acudía a este encontro co triple obxectivo de coñecer as causas do derrubamento, xustificadas co informes técnicos; acadar unha solución de tráfico eficaz para os transportistas, que rexeitan o desvío habilitado o pasado mes de setembro pola súa forte pendente; e que se presentase un plan completo de obras e investimentos para a reapertura total da A-6.

A conselleira lamentou non ver acadados ese obxectivos na xuntanza. Así, en relación coas demandas dos transportistas de mercadorías para contar unha alternativa de tráfico viable e eficaz, subliñou que o Ministerio recoñeceu hoxe que o desvío provisional habilitado o pasado mes de setembro non é válido para o vehículos pesados.

Sinalou a contradición na que incorre o Goberno de España cando, dunha banda, nega as incidencias dos transportistas no desvío da A-6 e, doutra banda, decide pechalo ao tráfico de transporte pesado, deixándoo en adiante para uso exclusivo de vehículos lixeiros.

Isto confirma que os transportistas de mercadorías non van dispoñer doutra alternativa que non sexa o paso polo núcleo de Pedrafita, tanto en sentido de entrada a Galicia como de saída.

Ademais, na reunión anunciouse que o desvío de todo tráfico pesado pola N-120 nos casos de alerta de neve, non será obrigatorio senón só unha recomendación, o que supón outra rectificación dos plans iniciais do Ministerio de Transportes.

En relación coas explicacións sobre as causas do colapso, a conselleira destacou que o Goberno apuntou a unha causalidade múltiple, unha suma de factores, como o “cansancio” do formigón ou a hidrodemolición efecutada durante as obras de emerxencia.

Nese sentido, apuntou as “dúbidas” da Xunta, por non ver aclarados os motivos polos que non se detectaron eses fallos durante as inspeccións realizadas e durante a execución das obras de emerxencia, que se prolongaron durante un ano e supuxeron un investimento de 26 M€.

Vázquez Mourelle dixo que agarda que o Ministerio de Transportes remita os informes técnicos sobre as causas do colapso do viaduto do Castro e sobre as inspeccións realizadas, tal e como se comprometeu na xuntanza.

Finalmente, lamentou a falta de concreción en canto a cronograma e investimentos previstos para a reconstrución integral da A-6, para o que se solicitaba un plan completo. Unicamente se avanzou a previsión de poñer en servizo a finais de 2023 o viaduto que aínda segue en pé, habilitándoo para o dobre sentido de circulanción, e adiando, como mínimo ata finais de 2024 a reconstrución do viaduto colapsado.

Isto significa que a A-6 permanecerá, como pouco, tres anos e medio parcialmente pechada, tendo en conta que o viaduto do Castro se cortou en xuño de 2021 para acometer as obras de emerxencia que precederon o colapso.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que a Xunta fixo todo o posible para colaborar co Goberno de España na procura de solucións ante este suceso, xa que de xeito inmediato analizou o territorio e formulou posibles desvíos con propostas técnicas serias e rigorosas, que non foron consideradas polo Ministerio de Transportes.

Dadas estas circunstancias, a Xunta, 5 meses e 8 días despois do colapso do viaduto do Castro, está convencida de que a xestión deste suceso podería ter sido moito mellor, pois unha da conexións de Galicia coa Meseta segue pechada completamente, causando problemas de tráfico ao núcleo de Pedrafita, complicando a entrada e saída de turistas durante o verán e afectando gravemente a actividade dos transportistas de mercadorías.

R., 2022-11-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES