
A primeira das actividades é un obradoiro dirixido a alumnado de Secundaria que terá lugar o 22 de novembro na Biblioteca de Galicia. Trátase dunha actividade que busca que as e os adolescentes reflexionen sobre a maneira que teñen de relacionarse, tomando conciencia sobre comportamentos, actitudes e expresións que en moitos casos agochan violencias ou posturas machistas non sempre fáciles de detectar.
Ao redor de 100 estudantes tomarán a palabra nun debate aberto e activo e deseñarán carteis reivindicativos sobre temáticas como a corresponsabilidade nos traballos da casa e os coidados, a brecha salarial entre mulleres e homes e as violencias e machismos invisibilizados, entre outros. Con estas pancartas elaborarase un mosaico pola igualdade.
O propio 25 de novembro haberá un espazo no Museo Centro Gaiás, concibido como un lugar para dialogar e compartir experiencias, pero tamén para coñecer o impacto das violencias que mulleres e nenas sofren en todo o mundo. Estará aberto de 16,00 a 20,00 horas e contará con diversas actividades de acceso libre e gratuíto que buscan sensibilizar á cidadanía a través de xogos e obradoiros creativos, como unha ruleta da conciencia ou a elaboración dun caderno sobre a muller da nosa vida.
Festexando a igualdade
A Cidade da Cultura remata a súa programación polo 25N con Festexando a igualdade, un xogo en familia para descubrir as contribucións da loita feminista no desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Equipas formadas por persoas adultas e cativada deberán superar xuntas un conxunto de probas cunha meta común: a igualdade.
Esta singular xincana desenvolverase na tarde do 26 de novembro, de 17,00 a 20,00 horas, e as persoas participantes deberán completar o percorrido marcado no Museo Centro Gaiás superando cada un dos retos e xogos pensados para promover, dunha maneira diferente e divertida, valores como a sororidade e a corresponsabilidade.
Para participar en Festexando a igualdade é necesario reservar praza, de balde, na páxina web da Cidade da Cultura. Cada reserva debe incluír como mínimo 1 persoa adulta + 1 nena/o (a partir de 3 anos de idade), e ata un máximo 5 persoas.
Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.