
Rueda destacou que, deste modo, Galicia vai ser a primeira comunidade en pór a disposición das persoas con ELA unha axuda directa e inmediata. O obxectivo é axudar ás familias a facer fronte ao gran custo económico que supón este diagnóstico, xa que unha persoa con ELA pasa nuns meses de ser plenamente autónoma a ter unha gran dependencia.
Tal e como explicou o presidente autonómico, co diagnóstico de ELA elévanse os gastos máis básicos como a alimentación, o coidado ou a rehabilitación e tamén xorden outros de grande importancia como a compra de material sanitario, guindastres, cadeiras de rodas, colchóns especiais ou camas articuladas. Así mesmo, é preciso adaptar fogares para realizar, por exemplo, melloras de accesibilidade en baños ou dormitorios, así como para a colocación de elevadores ou ascensores. Ademais, nestes pacientes é necesario adquirir vehículos adaptados.
En Galicia hai máis de 250 persoas con ELA, e cada ano diagnostícanse 30 novos casos. Por iso, o Goberno galego quere achegar un apoio directo e inmediato ás persoas con esta enfermidade, ás súas familias e a entidades como AgaELA, que os representa e cos que a Xunta mantén un espírito de colaboración continuo.
Galicia, á vangarda
Esta non é primeira vez que Galicia se sitúa á vangarda neste ámbito. No 2018 tamén foi pioneira ao crear o Proceso asistencial integrado de Esclerose Lateral Amiotrófica. Ao amparo deste procedemento de actuación buscouse axilizar a atención das persoas con esta enfermidade. Así, establecéronse vías rápidas: a nivel sanitario, para axilizar o diagnóstico; e a nivel social, abrindo unha vía preferente para que as solicitudes de dependencia da ELA se tramiten en menos dun mes.
Ademáis, o presidente da Xunta fixo fincapé no avance realizado nos últimos 13 anos nos servizos e axudas en atención á dependencia. Neste sentido, resaltou que, desde 2009, o número de persoas dependentes atendidos en Galicia multiplicouse por catro ao pasar dos 15.000 de 2009 aos máis de 66.000 dependentes atendidos na actualidade pola Administración.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.