
Os Orzamentos do vindeiro ano 2023 incluirán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos, un 8,5 % máis que no presente exercicio. Así llo avanzou hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos aos representantes das organizacións sindicais e da Confederación de Empresarios de Galicia.
Durante as reunións mantidas esta mañá, o titular de Facenda trasladoulle as liñas xerais das contas do ano que vén e que a Xunta presentará a vindeira semana. Neste sentido, explicoulles que Galicia vai priorizar o apoio aos sectores, familias e empresas máis afectadas pola inflación, garantir os medios e o persoal precisos para continuar prestando uns servizos públicos de calidade, e seguir modernizando a sanidade, a educación e as políticas sociais.
Rebaixas fiscais
Ademais, os orzamentos do vindeiro ano tamén inclúen novas rebaixas de impostos para axudar aos galegos a facer fronte á alza dos prezos, especialmente aos de rendas máis modestas. Por un lado recóllese a deflactación do tramo autonómico do IRPF con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022 e por outro, a rebaixa do 1º tramo autonómico do IRPF do 9,4 ao 9 %.
Esta é a cuarta rebaixa do IRPF en nove anos para favorecer as rendas medias e baixas, polo que os cidadáns galegos aforrarán na declaración de 2023 unha media de 476 en relación co que pagaban en 2009.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.