
Segundo sinalan desde o Foro Económico de Galicia, esta minora, estimada tamén para o conxunto da UE-27 e da zona euro, contrasta cun maior dinamismo da economía española (6,8%). Porén, engaden, Galicia atópase preto de acadar seu nivel precrise (a cinco décimas), estando a economía española máis rezagada en comparación coa media europea que xa o acadaran. En canto á demanda interna, o informe recolle que no último trimestre ráchase a tendencia negativa do investimento, así como a contracción do gasto en consumo final das administracións públicas por terceiro trimestre consecutivo e a moderación do gasto privado. No caso das compras no exterior, engaden, volven a reducirse as compras fóra de Galicia.
O informe presentado tamén recolle que en canto á oferta o crecemento do PIB en Galicia explícase polo comportamento de sector servizos: comercio, transporte e hostalería, mantendo tamén a industria manufactureira taxas positivas de crecemento. Pola contra, indican desde a entidade, hai que salientar a contracción experimentada polo sector primario, mentres a actividade da construción permanece estable.
A minora da actividade económica trasládase o mercado de traballo que se caracteriza por unha moderación da ocupación no segundo trimestre do ano. A creación de emprego concentrouse basicamente no sector servizos, nos asalariados do sector privado e nas persoas con estudos superiores, afirman os autores do traballo. Pola contra, engaden, o emprego reduciuse na construción e no sector primario. Ao igual que en informes anteriores, desde o Foro Económico insisten en que Galicia mantense entre as comunidades autónomas con taxas de actividade e ocupación máis reducidas e con menor intensidade de emprego en comparación co rexistrado en España. En canto á evolución do desemprego, sinalan que tras un descenso da poboación parada rexistrada no último trimestre, a taxa de paro redúcese ata o 11,2%, que a sitúa nunha posición intermedia respecto ao resto das comunidades autónomas (12,5% en España). O desemprego segue a afectar en maior medida ao desemprego feminino que ao masculino sendo as persoas menores de 25 anos, estranxeiros e con estudos primarios os colectivos máis afectados, indícase no documento.
Competitividade fiscal
Nesta edición do Informe de Conxuntura Socioeconómica engádese unha análise sobre a competitividade fiscal dado o seu impacto sobre as actividades empresariais e sobre o uso e custe dos recursos. Os datos correspondentes aos anos 2021 e 2022 (elaborado este último no mes de setembro, antes das últimas reformas aprobadas polas diferentes autonomías) manteñen a Madrid, Biscaia, Araba e Guipúzcoa como as rexións cunha mellor posición, sendo as menos competitivas Catalunya, a Comunitat Valenciana e Aragón. Galicia e Navarra son as que presentan unha mellor evolución relativa, situándose na oitava e undécima posición.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.