
A Unión Europea selecciona Galicia para formar parte da Misión de Adaptación ao Cambio Climático, unha iniciativa cuxo obxectivo é apoiar ás comunidades para acelerar a súa transformación cara á resiliencia climática, prestándolles axuda para comprender, prepararse e xestionar mellor os riscos introducidos por este fenómeno.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou que con esta adhesión, Galicia terá a oportunidade de situarse á vangarda na mitigación do cambio climático compartindo experiencias e aproveitando sinerxías xunto con outras rexións.
Ademais, a Comunidade ratifica o seu compromiso de apostar pola neutralidade climática e impulsar os esforzos de adaptación a través da participación dos cidadáns no proceso de toma de decisións e mediante o estímulo de investimentos públicos e privados.
Nesa liña, segundo lembrou Ángeles Vázquez, o Goberno galego mantén unha firme aposta por unha Galicia neutra, verde e resiliente, tal e como constata o feito de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda conte cun departamento específico para abordar todas as cuestións relativas a esta materia.
Así, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático impulsou en 2019 a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE), no marco da que xa se desenvolveron actuacións que abarcan as diferentes áreas de traballo da Misión de Adaptación ao Cambio Climático.
A maiores, consciente tanto da importancia da investigación como base de coñecemento para a toma de decisións como do carácter transversal desta cuestión, a Xunta creou a Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da EGCCE 2050 para garantir a implicación dos diferentes departamentos.
Para concluír, a conselleira salientou que actualmente está en fase de elaboración a Lei galega do clima, unha norma, prevista para o vindeiro ano, que fixará que todas as políticas, estratexias, plans de acción e regulacións que se impulsen desde o Goberno galego deberán ponderar os seus efectos sobre este fenómeno mundial.
Deste xeito, as medidas e accións que se deseñen e desenvolvan en Galicia defenderán os principios de precaución e de responsabilidade medioambiental, de xeito que se prioricen as posturas de protección; o de sostibilidade, para construír unha sociedade máis evolucionada, xusta, responsable e resiliente; e os de dilixencia medioambiental e non causar prexuízo significativo, de xeito que todas as respostas ao cambio climático beneficien á totalidade da poboación.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).