
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a nova Axenda Enerxética de Galicia prevé a creación dun Hub de hidróxeno verde que vai permitir obter preto de 100.000 toneladas ao ano desta fonte de enerxía para o seu uso na industria, a mobilidade, o almacenamento ou a coxeración.
Durante a súa intervención na xornada Falando de Hidróxeno en Feminino, organizada pola Asociación Galega do Hidróxeno, Conde destacou que máis do 74% da enerxía eléctrica producida en Galicia actualmente é con fontes renovables, polo que xa cumpre o obxectivo marcado a nivel estatal para 2030.
O vicepresidente económico subliñou que as enerxías renovables son necesarias para facilitar a caída do prezo eléctrico, e que para o tecido empresarial e industrial a sustentabilidade é sinónimo de competitividade. Nesta liña, indicou que o obxectivo vai estar en impulsar a participación do sector industrial na cadea de valor da economía do hidróxeno e en potenciar a I+D+i enerxética en Galicia.
A maior oportunidade para o desenvolvemento desta tecnoloxía renovable vai estar, segundo dixo, no Perte de Enerxías Renovables para o que Galicia, logo da manifestación de interese convocada hai un ano, conta cunha candidatura de 51 proxectos que suman un investimento público-privado de máis de 3.800 M.
O vicepresidente primeiro concluíu reivindicando que o talento feminino vai ter un papel protagonista na transición enerxética e poñendo en valor a importancia de que as mulleres se incorporen a postos de dirección en empresas do sector.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.