Noticias

Galicia mobilizará 5.000 M€ para facer da sustentabilidade, a dixitalización e as persoas os eixes das súas políticas de I+D+i

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento para presentar a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia ata 2027, que sitúa a sustentabilidade, a innovación e as persoas como os eixes das políticas de I+D+i da Xunta cunha mobilización extraordinaria de fondos de case 5000 M€ de investimento público-privado. Na súa intervención Conde explicou que, con respecto á anterior RIS3 (2014-2020), esta nova estratexia crece tanto en obxectivos como en recursos por exixencias do contexto de transformación enerxética e dixital que apremia a facer unha aposta aínda maior pola I+D+i.

Nese sentido, apuntou que para este período se destinarán un 157 % máis de fondos que no anterior marco orzamentario 2014-2020, no que se acadou un investimento superior aos 1900 M€. De cara ao 2027, dos 5000 M€ de investimento previsto, 3000 M€ proveñen de fondos públicos.

Prioridades

As tres prioridades da nova RIS3 van estar, por un lado, na sustentabilidade, como eixe diferenciador respecto ás políticas de I+D+i de etapas anteriores; na dixitalización, como elemento facilitador para a transformación económica e social de Galicia; e nas persoas, a través dunha investigación e innovación orientadas a abordar os retos da sociedade galega: o envellecemento activo, a alimentación, o despoboamento, a saúde ou a cohesión territorial. Por outro lado, outra das prioridades será o fortalecemento do ecosistema galego de I+D+i para que funcione de xeito máis integrado, achegando os centros de coñecemento ás empresas e prestando especial atención á perspectiva de xénero no campo da investigación e a innovación.

Froito dun proceso de diálogo co sector

Conde remarcou que se trata dunha estratexia, como a anterior, froito dun proceso de diálogo con todo o ecosistema galego de I+D+i (universidades, centros tecnolóxicos,...), co tecido empresarial galego, e, tamén, coa propia cidadanía, a través de diferentes encontros divulgativos que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), convocou a pé de rúa ao longo dos últimos meses e nos que se recolleron 300 achegas. En total, máis de 800 participantes entre as 500 empresas galegas que colaboraron, os centros de coñecemento e todas as persoas que, en xeral formaron parte das 27 mesas de traballo convocadas e que responderon ás 175 entrevistas realizadas.

É unha estratexia que reafirma a visión integradora da I+D+i en toda a cadea de valor e para a que se creou no seo do Goberno galego unha Comisión Interdepartamental de I+D+i porque, por primeira vez, a política de innovación e investigación tamén ten carácter transversal para a totalidade da Xunta de Galicia.

Outra das novidades da nova RIS3 está en que introduce o concepto de misión, a mesma fórmula que a Comisión Europea para priorizar obxectivos e concentrar o máximo posible de recursos e capacidades ao redor dun gran proxecto. En concreto, está previsto que sexan entre catro e seis misións as que se desenvolvan en Galicia, que se irán perfilando cos axentes do ecosistema e que se financiarán con fondos Feder a través de dúas convocatorias. Un dos proxectos previstos será para prolongar a estadía de persoas maiores dependentes nos seus domicilios, que requirirá aliñar solucións tecnolóxicas, asistenciais, TIC, médicas ou construtivas e de domótica.

Máis pemes innovadoras

Conde destacou que todos os esforzos deben ir dirixidos, sobre todo, a romper o teito de cristal para as pemes e en sectores tradicionais afastados aínda da I+D+i, polo que o tecido económico e o sistema de I+D+i deben traballar perfectamente conectados facendo efectiva a transferencia de coñecemento. Ademais, defendeu a necesidade de seguir fomentando a colaboración público-privada e apuntou que nesta etapa a Xunta vai traballar por retornar a Galicia máis fondos estatais e europeos.

Balance do anterior período

No balance 2014-2020 o investimento en Galicia en I+D creceu un 34,4 %, máis de 10 puntos por riba da media nacional (23 %), conseguindo o nivel más alto: 641,7 M€. A Xunta outorgou 6700 axudas (6 de cada 10 para pemes) que mobilizaron 1900 M€ de investimento público-privado, o 76 % en proxectos encamiñados a crear un modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento. Triplicouse o orzamento da Axencia Galega de Innovación (Gain) que, desde 2014, pasou de 56,3 M€ a 152,7 M€ neste exercicio. E, neste contexto, a innovación creceu en Galicia case ao dobre do ritmo da media española desde 2014.

No que respecta ao período 2022-2027, a nova RIS3 dispón dous períodos de planificación. O primeiro, 2022-2024, contempla preto de 1600 M€ de orzamento para desenvolver cinco programas cos seguintes obxectivos: impulsar a posta en marcha de proxectos transformadores e de impacto a través da colaboración e transferencia público-privada; consolidar unha oferta de I+D+i avanzada capaz de dar resposta aos retos da dixitalización e a sustentabilidade; converter Galicia nunha contorna favorable para a atracción e retención de talento; incrementar o número de empresas innovadoras e impulsar a Marca Galicia desde o ámbito da I+D+i para captar novos investimentos e posicionarnos como un referente en España e no conxunto de Europa.

Conde concluíu asegurando que estamos nun momento decisivo para apostar pola I+D+i e asegurar, así, unha recuperación sustentable e un futuro de progreso para as vindeiras xeracións. Segundo dixo, precisamos a I+D+i para completar a dobre transición enerxética e dixital que xa iniciamos porque é a garantía para saír máis fortalecidos do actual contexto de crise que vive España. A nova RIS3 é, nese sentido, o mapa da innovación en Galicia de cara á vindeira década.

R., 2022-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES