
No encontro, Vázquez Mourelle, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, informou do detalle do novo Plan para os vindeiros 6 anos aos integrantes deste órgano colexiado, integrado por distintos departamentos da Xunta, da Administración Xeral do Estado, de entidades ecoloxistas, sindicatos, das entidades locais e usuarios.
A conselleira subliñou a experiencia acreditada da eficacia dos plans hidrolóxicos como marcos normativos e guías de actuación para progresar cara a unha xestión cada vez máis axeitada e respectuosa das augas.
Deste xeito, tal e como afirmou, a Demarcación Galicia-Costa chega a este 3º ciclo de planificación en mellores condicións do que estaba no 2015, tanto en relación co estado das rías e dos ríos como no nivel de implicación das administracións e de concienciación social. A ese respecto, concretou que o novo Plan indica que practicamente o 80% das masas de auga da bacía se atopan en bo estado, mellorando a situación de partida, e marcándose como obxectivo deste novo ciclo hidrolóxico lograr que o 100% das masas de auga de Galicia-Costa acaden o bo estado.
A conselleira precisou que detrás de cada punto de incremento da porcentaxe de augas en bo estado hai un inxente traballo e os resultados son un incentivo para continuar con ese esforzo, que, dixo, debe ser colectivo.
Con ese obxectivo, o Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrolóxica Galicia-Costa recolle un total de 212 medidas e un investimento global de 1.885 M que deben desenvolver as distintas administracións, tendo en conta os máis de 900 millóns de euros necesarios para garantir o funcionamento das infraestruturas hidráulicas.
Ethel Vázquez apuntou que o maior peso deste investimento, pola súa incidencia determinante na calidade das augas, destinarase ao saneamento e á depuración, que absorberá 973 M, sendo igualmente moi relevante o esforzo destinado ao abastecemento, con máis de 560 M.
Destacou a participación maioritaria da Xunta neste plan, como demostran que polo menos 110 das 212 actuacións previstas conten con financiamento da administración autonómica, cun investimento de 605 M. É dicir máis do 63% do total recollido.
Segundo subliñou a conselleira, xunto co esforzo en saneamento, depuración e abastecemento, no Plan recóllense iniciativas para a xestión do dominio público hidráulico e a rexeneración fluvial, para a prevención dos efectos do cambio climático e para afrontar fenómenos extremos.
Referiu, ademais, que o Plan Hidrolóxico permitirá mellorar a regulación das diferentes actividades, industriais, agrícolas, etc., para garantir o desenvolvemento compatible coa preservación dos valores naturais dos ríos, das rías, das augas subterráneas e dos ecosistemas.
Ethel Vázquez fixo fincapé nas novidades que introduce o novo Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa, entre as que destacou a normativa orientada a procurar un emprego máis eficiente da auga, prohibindo, con carácter xeral, todo uso que supoña malgastala. Citou a promoción de campañas de concienciación social para evitar un uso abusivo da auga, especialmente nos regos, e a promoción do aforro.
Tamén subliñou como novidade que o plan recolla como segundo uso prioritario da auga, tras o abastecemento á poboación, o seu uso para unha transición enerxética xusta, para proxectos que estean afectados por peches de térmicas como é o caso das Pontes e de Meirama.
En palabras de Ethel Vázquez, trátase dun Plan completo e actualizado, que é ademais resultado dun importante esforzo de participación pública. De feito, o 58% das achegas recibidas foron parcial ou completamente incorporadas ao documento final.
Tal como indicou a conselleira, a aprobación do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027 por parte do Consello Reitor de Augas de Galicia é o primeiro paso cara á súa aprobación definitiva, sendo o paso previo para a súa elevación ao Consello da Xunta, que se agarda para o vindeiro mes de maio. Despois será remitido ao Consello Nacional da Auga. O obxectivo é que no verán o Plan poida ser elevado xa ao Consello de Ministros para que poida aprobarse a través dun Real Decreto e entrar en vigor tan pronto como sexa publicado.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.