Noticias

O encontro Corazón da Artesanía regresa a Agolada do 8 ao 10 de xullo como punto de encontro dos oficios artesanais

Foi presentado en Agolada Corazón da Artesanía, IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará os días 8, 9 e 10 de xullo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos. O encontro, que chega á súa novena edición, busca configurarse como un gran escaparate de promoción e de posta en valor dos oficios tradicionais galegos. Durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, showcookings e venda de produtos gastronómicos, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, animado con música en directo e actividades para nenos.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá en Agolada na presentación do Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará os días 8, 9 e 10 de xullo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos. O encontro, que chega á súa novena edición, busca configurarse como un gran escaparate de promoción e de posta en valor dos oficios tradicionais galegos.

“Despois de dous anos de parada pola pandemia, regresamos con máis actividades programadas tanto para o público especializado como para os visitantes que se queiran achegar e agardando a visita de prescritores de tendas e empresas de fóra de Galicia, así como de prensa especializada”, sinalou Heredia no acto de presentación.

Durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, showcookings e venda de produtos gastronómicos, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, animado con música en directo e actividades para nenos.

Entre as novidades desta edición destacan as actividades formativas que van impartir dous recoñecidos artesáns de fóra de Galicia: o mestre do coiro José Luis Bazán, Premio Nacional de Artesanía 2021, e Simone Simón, especializada na cestería con esparto. Tamén con inscrición previa serán os cursos de bordado en lá, a cargo de Logaro (Ourense); de xoiería, impartido por Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), recentemente galardoado co Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2021; e bordado ao aire, que impartirá Zeltia ao aire (A Coruña).

Entre os obradoiros abertos a todos os públicos destacan o de cestería impartido por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Premio Artesanía de Galicia 2021; o de elaboración de Sanandresiños a cargo de Jorge Bellón (Cedeira); o de tecido en alto lizo de Marina Seoane (Oleiros); o de remate de xoguetes de madeira, a cargo de Artesanía Silvent (Caldas de Reis); o de serigrafía artesanal con María José Martínez e José Antonio Carrera; e o de iniciación ao torno cerámico.

Na edición deste ano está prevista a participación como expositores de máis de 35 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, entre os que se atopan obradoiros que participan por primeira vez neste evento e que representan diferentes oficios como a olería, a madeira, a pedra, o téxtil, o coiro, os coitelos, a elaboración de zocos e de zapatos, os xoguetes, a cestería, os labores de palla, elaboración de papel artesanal, as redeiras, a xoiería e a ourivería, as colareiras, a elaboración de instrumentos musicais ou a cerámica.

O Corazón da Artesanía convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. Como xa é habitual, o programa incorpora a iniciativa Artesanía no Prato, un proxecto que ten por obxectivo de establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño. No programa desta novena edición, está confirmada a participación dos chefs Lucía Freitas (A Tafona e Lume, Santiago de Compostela) – unha estrela Michelín e un Sol Repsol - ; Héctor López, do restaurante España (Lugo) – dous Soles Repsol – e Javier Rodríguez Ponte “Taky”, do Catering Boketé (A Coruña).

Ademais, máis de 30 empresas de produtos de alimentación participarán na edición deste ano, ademais de food trucks que estarán á disposición dos visitantes nas proximidades dos Pendellos.

O programa do Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia complétase con espectáculos e concertos musicais que terán lugar na Praza do Concello durante os tres días do evento.

R., 2022-04-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES