
O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, avanzou hoxe que as estacións de servizo galegas teñen á súa disposición a liña de apoios que a Xunta puxo en marcha para que poidan facer fronte aos anticipos que están a desembolsar ao ter que rebaixar 20 céntimos no litro de combustible ao seus clientes.
Guldrís explicou que a Xunta inclúe esta medida dentro do Plan de Choque que aprobou para facer fronte ao actual contexto económico porque o Goberno central vén de poñer en marcha ese desconto sen facilitar un mecanismo de pagamento deses adiantos, o cal está a provocar ás gasolineiras un problema de liquidez.
Segundo concretou, trátase dunha liña de reavais por 60M que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas entre elas, as estacións de servizo para afrontar a alza no prezo de determinadas materias primas como os combustibles. A contía dos préstamos oscila entre os 3.000 e os 300.000, coa bonificación do 1,5% no tipo de xuro.
No que se refire aos requisitos para acceder son: que o incremento do custo das materias primas estea por riba do 50% e o 20% no caso das gasolineiras; que o gasto en combustible e subministración enerxética supoña, como mínimo, o 25% da súa facturación do ano pasado; ou que se trate de empresas cunha exposición comercial nos mercados de Ucraína e Rusia.
Guldrís destacou a predisposición e axilidade tanto das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) como das entidades financeiras a formar parte desta colaboración e activar así esta iniciativa. De feito, en base a este convenio que a Xunta asinou esta mesma semana, vanse poder avalar, en total, operacións por un máximo de 80M.
A contía restante (20M) vai ser para outras tres liñas adicionais de reavais. Nunha delas, as estacións de servizo tamén se encontran entre as posibles empresas beneficiarias do chamado reaval funcionamento, que lles vai permitir acceder a pólizas de desconto de efectos, pólizas de crédito e instrumentos de circulante. No que respecta ás outras dúas, Guldrís explicou que están pensadas para apoiar investimentos produtivos, incluídos os de eficiencia enerxética, ou tamén para o acceso a avais de tipo técnico dos que adoitan ser necesarios para acceder a licitacións ou a distintos contratos comerciais.
O Director do Igape subliñou que a Xunta de Galicia pon en marcha estas catro liñas de avais complementarias, por 80M en total, para axudar aos sectores máis afectados pola suba do prezo da enerxía, os combustibles e a falta de materias primas; un problema que vén de hai meses agravado pola guerra en Ucraína. Faino, dixo, porque a actuación do Goberno está sendo insuficiente cando ten moita marxe para, a través da fiscalidade, apoiar en maior medida o tecido produtivo e ser un apoio nun contexto de prezos enerxéticos que nos sitúan nunha contorna de pouca competitividade, concluíu.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.