Noticias

Xunta, Goberno central, concellos, entidades sociais e ONGD avanzan na coordinación da axuda a Ucraína

Representantes da Xunta de Galicia e do Goberno central, dos concellos galegos e de entidades sociais e ONGD, reuníronse no Comité Galego ante a crise de Ucraína para coordinar e axilizar a axuda aos refuxiados que chegan a Galicia pola crise humanitaria. Participaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; ademais do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e membros de entidades sociais e de ONG.

O Goberno galego pediu ao Goberno central información fluída e en tempo real sobre os refuxiados que chegan a Galicia para poder prestarlle os servizos que Xunta, concellos e ONGD están en disposición de ofrecer aos ucraínos que chegan á comunidade. En concreto, Alfonso Rueda solicitou datos sobre o número de refuxiados que chegan cada día a Galicia, os que residen aquí a día de hoxe, a súa identidade e o lugar onde se aloxan. “Son preguntas imprescindibles para comezar a acoller e que debe responder o Goberno central dentro das súas competencias en migracións, control de fronteiras e seguridade”, recordou Alfonso Rueda.

O vicepresidente primeiro ofreceu ao delegado do Goberno en Galicia “a man tendida” para paliar na medida do posible a crise humanitaria xerada do conflito bélico, se ben insistiu en que para axilizar e canalizar esa axuda é imprescindible que o Goberno central teña en conta as peticións e necesidades das Administracións e entidades humanitarias que traballan cos refuxiados. Con ese obxectivo acudiron a encontro os responsables dos principais departamentos autonómicos involucrados no dispositivo de axuda. “Nós estamos preparados -asegurou Rueda-, pero é necesaria esa planificación en esa xestión ordenada”.

No encontro deuse conta do plan de acollida aos alumnos ucraínos no que está a traballar a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, quen xa remitiu unha resolución aos centros para o procedemento de escolarización inmediata dos nenos en idade escolar. Na actualidade xa hai máis dunha trintena escolarizados.

Pola súa parte, a Consellería de Sanidade ten elaborado xa un protocolo de atención aos refuxiados para poder prestarlles a atención que precisan. O procedemento inclúe unha entrevista para coñecer o seu estado de saúde e poder determinar a atención que precisan, incluíndo a vacinación tanto de covid como doutras enfermidades de infeccións transmisibles. O Sergas xa puxera 432 camas hospitalarias a disposición dos refuxiados, tanto para adultos como para a poboación pediátrica con enfermidades oncolóxicas.

O Goberno galego insiste na necesidade de habilitar recursos económicos extraordinarios a disposición das comunidades autónomas e as entidades locais, de tal maneira que se repartan de forma solidaria os esforzos para ofrecer unha correcta atención sanitaria e educativa aos desprazados, así como promover a súa inclusión social e facilitarlles o acceso ao emprego.

A Xunta considera necesario e urxente garantir o dereito á educación dos refuxiados e o acceso ao sistema de saúde, así como a posibilidade de que accedan a un posto de traballo, para o que considera necesario que as persoas desprazadas poidan homologar a súas titulacións. Tamén considera imprescindible que se adopten medidas que lles permitan acceder á cobertura sanitaria e farmacéutica.

No encontro, os representantes do Goberno galego incidiron tamén na necesidade de facer os cambios normativos necesarios para que estas persoas poidan acceder, en caso de necesitalo, ao ingreso mínimo vital e asegurarse así os medios para unha subsistencia digna mentres non poidan optar a un posto de traballo.

Alfonso Rueda agradeceu a asistencia a todos os asistentes e dixo que a reunión era o “punto de partida” dunha colaboración que pretende ser constante e fluída.

R., 2022-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES