
"Os problemas concretos que xorden cada día nos territorios, como no caso da pesca, só poden resolverse cun coñecemento detallado sobre o terreo, polo que as rexións debemos contar coas canles adecuadas para participar na aplicación do Acordo UE-Reino Unido", sinalou Jesús Gamallo. "O Acordo non contempla un mecanismo formal para que os entes subestatais participen no seguimento da súa execución malia seren os responsables, en moitos casos, de apoiar aos sectores económicos que sofren as consecuencias".
Os representantes europeos e británicos abordaron a posibilidade de que o CdR se asocie dalgunha forma á recentemente creada Asemblea Parlamentaria UE-Reino Unido, composta por 70 deputados dos parlamentos británico e europeo co obxectivo de facer recomendacións ás decisións tomadas polo Consello de Asociación, o organismo que vela oficialmente pola execución do Acordo. Os problemas coas licencias de pesca ou a falta de abastecemento de gasolina ou bens básicos en Reino Unido foron expostos como exemplos da insuficiente aplicación do Acordo durante 2021.
Exemplos de cooperación rexional entre a UE e Reino Unido
A rexión anfitrioa, Gales, explicou as dificultades que afronta para aplicar o Acordo UE-Reino Unido e como, para non perder os contactos coa UE, puxo en marcha unha "axenda de cooperación" grazas á cal concluíu varios acordos cun bo número de rexións europeas, como o "memorando de entendemento" asinado con Galicia en 2018.
O representante galego lembrou, pola súa parte, a experiencia de cooperación que existe na área atlántica, especialmente en temas marítimos, e como a ambición de crear unha macro-rexión atlántica podería reforzar as relacións nesta área xeográfica.
A Comisión do Arco Atlántico, na que Galicia lidera o seu grupo operativo Brexit, avalía agora a posibilidade de prestar apoio ao programa de mobilidade educativa Taith, posto en marcha recentemente por Gales en substitución de Erasmus, no que Reino Unido xa non participa.
Grupo de Contacto entre o Comité Europeo das Rexións e Reino Unido
En 2020, a asemblea rexional e local da UE puxo en marcha un grupo de contacto coas autoridades locais e rexionais de Reino Unido para asegurar que o diálogo político continuase a este nivel tras o brexit. Liderado polo presidente da rexión francesa de Bretaña, o grupo está composto por 12 membros do CdR e por representantes das asociacións de municipios en Reino Unido e dos gobernos e asembleas parlamentarias de Escocia, Gales e Irlanda do Norte, así como do Concello de Londres e o Goberno de Gibraltar.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.