
'Estamos a falar dun total de 13,1 millón de euros', precisou, subliñando que cada familia recibirá unha cantidade que oscilará entre os 128 euros e os 373 euros, dependendo da zona climática na que vivan e de se son consumidores vulnerables ou vulnerables severos. O titular da Xunta avanzou tamén que este bono social complementarase de xeito extraordinario con 100 euros, o que suporá un orzamento adicional de máis de 6,6 millóns de euros.
No ámbito rural, avanzou que o Consello da Xunta adoptou esta mañá unha batería de medidas para aportar liquidez ás ganderías galegas, tanto pola vía das liñas de financiamento de circulante como de anticipos das axudas que perciben os gandeiros. E tamén reclamamos ao ministro de Agricultura que o Banco de España ou as autoridades bancarias europeas autoricen ás entidades financeiras a concesión dunha moratoria dun ano no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos os gandeiros, engadiu.
En relación ao sector do mar, Feijóo aseverou que a Xunta articulará compensacións para os profesionais no pago de, como mínimo, dous meses das taxas nos portos de titularidade autonómica.
Estamos a falar dunhas medidas urxentes e transitorias. E, neste momento, estamos xa a avaliar outras adicionais que poremos en práctica nos vindeiros días, aseverou, incidindo na necesidade de que o Goberno central adopte medidas de forma inmediata, ante a suba desorbitada dos prezos e o conflito do transporte.
Nesta liña, pediu novamente ao Goberno central que estenda ata final de ano as reducións impositivas vixentes; que as amplíe coa redución do IVE ao tipo superreducido para a electricidade e o gas; e que solicite á Unión Europea unha redución excepcional do imposto de hidrocarburos e do IVE que grava a gasolina e o gasóleo; e exencións á Seguridade Social de traballadores de determinados sectores económicos afectados especialmente pola crise.
Por outra banda, o responsable do Goberno galego destacou tamén a creación dun Comité galego de emerxencia ante a crise humanitaria de Ucraína, que estará integrado pola Delegación do Goberno; a Fegamp; as entidades sociais dedicadas á protección internacional, á atención de menores e á cooperación internacional; pola Vicepresidencia primeira e polas Consellerías de Medio Ambiente, Cultura e Educación, Sanidade, Emprego e Política Social.
Este comité será fundamental para apuntalar a coordinación na atención aos refuxiados en Galicia e atender todas as necesidades que poidan ter, dixo, insistindo en que este obxectivo é prioritario para a Comunidade.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.