Noticias

Feijóo traslada o apoio ao Goberno na posición exterior de España dentro da UE e da OTAN na XXVI Conferencia de Presidentes Autonómicos

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou o apoio inequívoco ao Goberno na posición exterior de España dentro da UE e da OTAN e reclamou unha baixada concreta dos impostos que gravan o prezo da luz, o gas e os hidrocarburos. Durante a súa participación na XXVI Conferencia de Presidentes Autonómicos, Feijóo fixo fincapé nun primeiro termo na importancia de dar unha resposta coordinada á crise humanitaria, provocada pola guerra en Ucraína. E, sobre este punto, demandou a concreción dun Plan nacional de acollida de refuxiados que permita darlles unha acollida digna e sostible no tempo.

Para elo, urxiu que se habilite un fondo extraordinario para abordar os gastos derivados desta actuación e garantir a correcta atención sanitaria e educativa, así como promover a inclusión social.

Nunha complicada situación económica, agravada pola guerra en Ucraína, o titular do Executivo galego pediu que se poñan en marcha “medidas urxentes domésticas”, para minimizar as consecuencias socioeconómicas nas empresas e nos cidadáns. “O Goberno ten que baixar impostos e concretalos para facer a enerxía máis accesible desde o punto de vista industrial e dos fogares. Temos que baixar os impostos que gravan a electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo. É imprescindible facelo para que non se sigan pechando fábricas”, abundou.

Nesta mesma liña, avogou tamén por que se adopten medidas específicas para os sectores máis afectados -transporte, industrias electrointensivas, pesca e agrogandería-. “E non podemos seguir con esta transición enerxética abrupta”, engadiu, apostando por unha transición “moito máis meditada, pausada e proporcional”.

Así mesmo, advertiu do risco de que se manteñan algunhas das medidas anunciadas polo Goberno central en relación a un incremento xeneralizado de impostos, entre os que destacou a implantación de peaxes nas autovías que suporían novas cargas para as familias e os sectores produtivos esenciais.

En canto a outros asuntos, como os fondos europeos Next Generation, o responsable da Administración galega lamentou novamente que no coñecido ata agora primen o centralismo e a lentitude no reparto: “Centralismo porque de cada dez euros, sete quedan nas mans da Administración xeral do Estado; e lentitude porque das 137 convocatorias que había que sacar neste primeiro trimestre, só se sacaron 31”, precisou, denunciando que, deste xeito, os fondos europeos non se van a executar en prazo.

R., 2022-03-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES