Noticias

Presentada unha visión contemporánea do teatro medieval galego e portugués coa nova edición do ciclo 'Clásicas desfeitas'

A Cidade da Cultura presenta este mes os volumes 4 e 5 do ciclo Clásicas desfeitas, que leva a escenarios non convencionais obras inspiradas na literatura medieval galega e na renacentista portuguesa. Os dous proxectos están a tomar forma no marco do programa Residencias Artísticas do Gaiás co propósito de achegar unha ollada renovada e actual sobre o patrimonio cultural e artístico. As propostas, coproducidas pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, convidan a traballar ligando as artes escénicas coa creación contemporánea e coa arquitectura, ocupando espazos non teatrais. Un encontro aberto e diverso no que o clásico segue a ser recoñecible nestes anovadores espectáculos.

Clásicas desfeitas arrinca este ano co volume 4, Arte sen guión, da compañía carballesa Galeatro. A obra terá dúas representacións, na tarde do sábado 19 e na mañá do domingo 20 de marzo, cunha divertida e singular posta en escena na galería de túneles que percorre os sotos do Gaiás.

Coas ferramentas da improvisación contemporánea, a comedia e a música, Arte sen guión constrúe unha especulación improvisada sobre como podería ter sido unha función de teatro galego da Idade Media, un xénero do que non se conservan rexistros escritos. O proxecto bebe das estruturas narrativas e dramáticas da época e dos materiais en lingua galega previos ao Rexurdimento, como as cantigas ou o Códice Calixtino, para presentar unha relectura en clave cómica dun tempo deostado que nos convida a cuestionar a nosa propia modernidade.

Galeatro é unha compañía con base en Carballo fundada polos actores Tone Martínez e Alba Bermúdez. Coñecida especialmente polos seus espectáculos didácticos, cos que ten percorrido gran parte dos centros educativos de Galicia, e a súa colaboración co Festival Internacional Outono de Teatro, suma á súa vertente artística un labor de formación teatral que no último ano chegou a máis de 200 estudantes. Con Arte sen guión, a compañía pretende dar un paso máis achegándose ao público xuvenil e adulto, sen esquecer as súas raíces.
Teatro na auga con mensaxe ecoloxista

A segunda peza desta edición de Clásicas desfeitas é A barca do inferno, que se inspira no clásico da literatura renacentista portuguesa Auto da barca escrito por Gil Vicente no século XVI. A partir del, a compañía Moving Compass está a construír un espectáculo innovador que destaca especialmente por empregar a auga, neste caso a lagoa do Xardín Literario da Cidade da Cultura, como escenario teatral.

Máscaras e marionetas forman o reparto dunha obra que renova tamén os temas do texto orixinal portugués cunha mensaxe de fondo calado ecoloxista que pretende esporear o compromiso do público coa defensa e preservación dos recursos naturais.

A barca do inferno de Moving Compass supón un verdadeiro desafío técnico e creativo para esta compañía formada por artistas galegos e internacionais que veñen do teatro físico, o circo, a música, a danza e o teatro de monicreques.

As entradas para ambos os dous espectáculos de Clásicas desfeitas poden adquirirse xa en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

R., 2022-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES