Noticias

Galicia incrementa as prazas de acollida para refuxiados da guerra de Ucraína a máis de 1.400

A Xunta remitiu este mércores ao Goberno central unha ampliación da oferta galega de prazas de acollida para recibir refuxiados da guerra en Ucraína. A primeira listaxe remitida a semana pasada compleméntase, deste xeito, con máis de 400 prazas procedentes tanto de concellos galegos como das entidades sociais e de particulares. Así, a día de hoxe Galicia xa ten a disposición un total de 1400 prazas. O Goberno central, a través do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, é o encargado de coordinar a chegada dos refuxiados e distribuílos polas comunidades autónomas en función da dispoñibilidade de cada unha e das características das persoas que cheguen.

Tal e como se acordou nas distintas reunións mantidas entre os representantes das diferentes Administracións, os datos vanse actualizando conforme os distintos axentes amplían o número de recursos e prazas ofertadas. Os centros postos a disposición pola Administración autonómica son as Residencias de Tempo Libre de Panxón e o Carballiño, o Centro de Formación e Experimentación Pedro Murias de Ribadeo, o albergue xuvenil de Portomarín, as Casas do Mar de Burela, Celeiro-Viveiro e A Coruña, o Centro de acollida para vítimas de violencia de xénero de Vigo, e os centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo.

Estas prazas súmanse ás 432 camas en hospitais nas sete áreas sanitarias para acoller aquela poboación de Ucraína con necesidades de atención sanitaria. Delas, 113 serán para pacientes pediátricos, 15 para nenas e nenos con necesidades de tratamento oncolóxico e o mesmo número para neonatos. Con respecto aos adultos, das 319 prazas dispoñibles para eles, un total de 25 serían para pacientes oncolóxicos en tratamento.

Coordinación a nivel nacional

Para canalizar as mostras de solidariedade do tecido social galego, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, solicitou por carta este luns ao presidente do Goberno central que se aprobe un Plan nacional de acollida para persoas refuxiadas, en coordinación coas comunidades autónomas, para ordenar e canalizar axeitadamente, por vías oficiais, a boa vontade que están a demostrar os españois.

Feijóo solicitou que este asunto se aborde na Conferencia de Presidentes que se celebrará este domingo na Palma, así como unha cuestión que preocupa á sociedade española como é a crise enerxética, a ruptura da cadea de subministros ou a elevada inflación que ameaza a recuperación económica, situacións que se están vendo agravadas por mor da guerra.

Acción humanitaria

Así mesmo, a Xunta fará unha convocatoria pública de acción humanitaria por valor de 400.000 euros para canalizar a axuda a Ucraína a través das entidades sociais galegas e farase un inventario, a través da Fegamp, dos lugares de referencia de recollida e almacenaxe de material para ter coñecemento do seu volume e contido. O Goberno galego acordou cos concellos galegos e coas entidades sociais darlle prioridade ás doazóns en efectivo fronte as axudas en especia polos problemas de loxística.

R., 2022-03-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES