Noticias

A Cidade da Cultura arranca a emisión do videopodcast 'Conversas na balea' cun primeiro episodio arredor da muller no eido da produción e promoción musical

A Cidade da Cultura comeza este mes a emisión do videopodcast Conversas na balea, un espazo de faladoiros que no seu primeiro capítulo, precisamente nesta semana na que se conmemora o Día Internacional da Muller, se achega ao ámbito da promoción e produción musical desde a óptica de dúas mulleres profesionais de peso no sector. Trátase de Raquel Seijo, codirectora de Sweet Nocturna e responsable de ter traído a Galicia a nomes como Björk, Shakira, Muse ou Lenny Kravitz, e Andrea González, pianista, pedagoga e xestora musical directora do festival internacional IKFEM (International Keyboard Festival & Masterclass), que se celebra en Tui e Valença, e escollida entre as 100 Mulleres Líderes en España en 2019.

Con este novo espazo de diálogo e conversa, que no seu título alude á icónica forma do Museo Centro Gaiás que lembra á dunha enorme balea, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade abre unha nova fiestra virtual na que darlle voz a profesionais das artes e a cultura de diferentes eidos e achegarse a temáticas moi variadas nun formato distendido e próximo ás novas audiencias dixitais. Este primeiro capítulo está xa dispoñible para ver e escoitar a través das principais plataformas en liña (Spotify, Ivoox, ou Youtube entre outras) e tamén na web da Cidade da Cultura.

O espazo está conducido por Diana Sieira, actriz, creadora escénica e comunicadora cunha dilatada experiencia como produtora e locutora radiofónica en emisoras como Cuac FM, e a quen tamén temos visto como intérprete en series galegas como Matalobos e Urxencia Cero, así como no Luar da TVG conducindo un espazo dedicado ao circo.

Cuestións como o impacto da pandemia nos festivais musicais, ou os retos que enfrontan as mulleres que se dedican profesionalmente a un sector como a promoción e produción de espectáculos –como pode ser o teito de cristal ou a conciliación da vida persoal e profesional– son algúns dos puntos tratados no diálogo desta primeira entrega das Conversas na balea. Ao longo do faladoiro, tanto Raquel como Andrea afondan nalgúns dos retos que enfrontan ou perciben no seu día a día profesional nun sector no que a presenza de profesionais homes en postos de liderado é maioritaria, e que abrangue desde a dirección de festivais, a promoción de concertos, ou a dirección de orquestras -no ámbito da música clásica-, por nomear algúns exemplos.

Biografía das convidadas das ‘Conversas na balea’

Raquel Seijo é codirectora de Sweet Nocturna, unha das principais empresas promotoras musicais da Comunidade, e responsable de traer a Galicia a artistas do renome de Björk, Lennny Kravitz, Shakira, Muse, Tom Jones, Artic Monkeys, Ringo Starr ou Lauryn Hill. Xornalista de formación, é unha das poucas mulleres en España que exerce como promotora musical e acumula ás súas costas máis de 15 anos de experiencia na organización de grandes eventos musicais. É tamén unha das impulsoras da Asociación Galega de Empresas Musicais, e presidiu ata hai poucos días o colectivo Festivais de Galicia, asociación que agrupa o Sinsal, Ribeira Sacra, Sonrías Baixas, Barbeira Season Fest, Festival de la Luz, Vive Nigrán, Revenidas, WOS e Underfest.

Andrea González é pianista, xestora musical, pedagoga e divulgadora. Foi elixida en 2019 entre as Top 100 Mulleres Líderes de España, e Premio Nélida Piñón en Cultura 2022 pola Federación pola lgualdade da Provincia de Pontevedra. É directora e fundadora do International Keyboard Festival & Masterclass da Eurocidade Tui-Valença, vicepresidenta de Juventudes Musicales de España e docente de Xestión e Produción de Música e Artes Escénicas no Conservatorio Superior de Vigo. Conta con numerosos premios nacionais e internacionais como pianista e actuou en lugares como a Australian National University, o Teatro Nacional de Cuba ou o Milton Court del Barbican Center de Londres.

R., 2022-03-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES