Noticias

Feijóo pide que a Conferencia de Presidentes aborde a aprobación dun Plan de acollida aos refuxiados de Ucraína

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enviou onte unha carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para solicitarlle que na Conferencia de Presidentes que se celebrará o vindeiro domingo en La Palma se aborde a aprobación dun Plan español de acollida para persoas refuxiadas procedentes de Ucraína, elaborado en coordinación entre o Goberno central e as CC.AA. e que conte tamén coa aportación das entidades locais. Feijóo recordou que, segundo datos de Acnur, son xa millón e medio os ucraínos que tiveron que abandonar o seu país nos últimos días a causa da invasión rusa e, ante a situación dramática que se está a vivir, subliñou que os poderes públicos deben poñerse á fronte da corrente de solidariedade que emana dos españois, ordenala e canalizala de xeito adecuado.

“As Comunidades Autónomas, os municipios e as entidades sociais temos respondido á chamada do Goberno central e posto a total disposición os recursos de acollida cos que contamos”, indica o presidente galego na súa misiva, na que manifesta a súa preocupación pola evolución da guerra e as súas consecuencias e avoga por unha resposta áxil para atender as persoas refuxiadas, “unificada e urxente”, que se pode aprobar na vindeira Conferencia de Presidentes.

Ao respecto desta reunión, tamén lembra que o pasado mes de novembro xa tiña solicitado ao presidente do Goberno que se incluísen na orde do día asuntos como a crise enerxética, a ruptura da cadea de subministros ou a inflación, cuxos efectos notan cada día máis os fogares españois. Unha situación que, lonxe de solucionarse, se ten agravado aínda máis a consecuencia da guerra.

Solidariedade das CC.AA. e de Galicia

A solidariedade está a ser, sen dúbida, unha das características máis relevantes da todas as comunidades autónomas na actual crise provocada polo conflito bélico en Ucraína. E no caso de Galicia, unha vez máis, as mostras de solidariedade non deixan de ser constantes, ata o punto de que, neste intre, é unha das CC.AA. que máis prazas está ofrecendo para a acollida de persoas refuxiadas deste país, superando o milleiro entre as habilitadas entre a Xunta, concellos galegos e entidades sociais. A estas prazas súmase o ofrecemento de preto de cincocentas camas en hospitais nas sete áreas sanitarias galegas para acoller a aquela poboación de Ucraína con necesidades de atención sanitaria.

Ademais, coa finalidade de coordinar a resposta dende Galicia, a Xunta convocou onte mesmo unha reunión de urxencia, na que participaron distintos axentes de cooperación con presenza en Galicia e traballo na zona do conflito. Como actuación inicial propúxose trasladarlle á poboación que prioricen as doazóns en efectivo fronte as axudas en especie polos problemas de loxística. De igual xeito, a Xunta puxo en marcha os instrumentos de financiamento de axuda humanitaria dos que dispón tanto a través da activación de dous convenios de colaboración asinados con entidades expertas na atención deste tipo de crises como Farmacéuticos Mundi e UNICEF, así como do convenio asinado coa cooperación descentralizada e a Axencia Española de Cooperación Internacional.

R., 2022-03-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES