Noticias

Galicia viviu un inverno moi cálido e seco durante o que se rexistrou a menor cantidade de chuvia da década

Galicia viviu un inverno moi cálido e seco durante o que se rexistrou a menor cantidade de precipitacións da última década, xa que hai que remontarse ata o ano 2012 para atopar rexistros de chuvia aínda máis baixos. Así se conclúe no resumo do informe elaborado por MeteoGalicia sobre o inverno climatolóxico, que abrangue os meses de decembro, xaneiro e febreiro e ten en conta os datos recollidos nas estacións máis representativas da Comunidade así como a súa evolución durante o período de referencia 1981-2010. No que respecta ao comportamento das temperaturas, o trimestre foi moi cálido, algo ao que contribuíu sobre todo un decembro no que tanto as máximas como as mínimas se mantiveron en valores elevados durante case todo o mes.

A temperatura media situouse en 10,8 graos, é dicir, 2,1 graos por riba do habitual, e o pasado decembro acabou sendo o terceiro mes máis cálido de toda a serie.

O ano 2022 comezou coa mesma tónica aínda que neste caso as maiores anomalías se rexistraron nas máximas, extremadamente cálidas para esta época. Pola contra, as temperaturas mínimas foron moi frías o que explica que no seu conxunto xaneiro fora un mes cálido. O predominio anticiclónico se mantivo tamén durante febreiro, outro período que segundo o informe de MeteoGalicia debe considerarse cálido, cunha anomalía positiva da temperatura media de 0,9 graos.

En canto á distribución xeográfica, o comportamento dos termómetro foi desigual. Así, mentres a media no conxunto da Comunidade se situaba en 8,7 graos —é dicir, 1,15 graos por riba do agardado—, no macizo ourensán de Manzaneda quedouse en 2,7 graos e no litoral e en gran parte da provincia de Pontevedra rozáronse os 13,1 graos.

No que respecta á chuvia, Galicia viviu no seu conxunto un trimestre seco, cunha porcentaxe de precipitacións un 37 % inferior á do período de referencia. Esta tendencia foi acentuándose a medida que avanzaba a estación climatolóxica e de feito, o inverno empezou con valores normais e acabou evolucionando a moi seco.

Decembro estivo marcado por dous períodos de borrascas que coincidiron co inicio e co final do mes, o que permitiu que nas 16 estacións máis representativas da Comunidade se recollera unha media de 186 L/m2, un 3 % por riba do normal.

Pero a situación mudou a partir do 10 de xaneiro, cando o predominio anticiclónico e a estabilidade atmosférica se converteron na tónica dominante na Comunidade ata o fin do período. O informe de MeteoGalicia conclúe que ambos meses foron moi secos, cun déficit hídrico do 67 % no caso de febreiro e un valor medio de precipitacións de 38 L/m2. Neste sentido, febreiro tamén foi o mes máis seco da década, por detrás unicamente do de 2012.

O reparto da chuvia non foi homoxéneo en toda a Comunidade aínda que, en xeral, choveu menos do esperado. Os valores máis baixos concentráronse no sur da provincia de Lugo e en gran parte da provincia de Ourense, especialmente na comarca de Valdeorras, onde apenas se rexistraron 79 L/m2 durante os tres últimos meses.

A excepción foron os municipios de Navia de Suarna e Negueira de Muñiz, con precipitacións un 93 % por riba do normal, unha situación en claro contraste co déficit hídrico detectado na provincia de Ourense e máis concretamente na zona de Valdeorras, onde o pasado inverno se recolleu un 90 % menos de chuvia do que cabería agardar.

R., 2022-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

O proxecto Sensoxenoma chega xa ao seu quinto aniversario. Esta iniciativa dos grupos GenPoB e GenVip da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) reuniu en todo este tempo máis de 5.000 participantes, más de 1.500 doantes e recolleu máis de 20.000 mostras biolóxicas para constatar que a música deixa pegadas medibles nos nosos xenes e proteínas.
O grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab é un dos socios do proxecto europeo Spark4B+, que reúne 17 institucións e entidades de nove países co obxectivo de desenvolver ferramentas que permitan 'construír futuros xustos e positivos para a biodiversidade'. A clave da novidade do proxecto é a idea de explorar iniciativas alternativas impulsadas pola comunidade, para protexer e restaurar a biodiversidade, nunha variedade de contextos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES