Noticias

Galicia presenta as súas alegacións á proposta de poboación axustada formulada polo Ministerio de Hacienda

Galicia recibe do actual modelo de financiamento 800 millóns de euros anuais menos do que lle custa á Xunta de Galicia financiar a sanidade, a educación e as políticas sociais. Así o explicou esta mañá o conselleiro de Facenda e Administración Pública nunha rolda de prensa na que avanzou as alegacións de Galicia á proposta de poboación axustada elaborada polo Ministerio de Hacienda –que só é un elemento concreto do sistema de financiamento- e que serán remitidas hoxe ao Ministerio.

Miguel Corgos explicou que Galicia aposta por un modelo de custe, é dicir, a Xunta quere contar cun financiamento suficiente para prestar todos os servizos públicos competencia da Comunidade Autónoma como a sanidade, a educación e os servizos sociais, para que todos todos os cidadáns teñan acceso a uns servizos de calidade similar independentemente de onde residen.

As alegacións á proposta do Ministerio

As alegacións de Galicia á proposta sobre poboación axustada formulada polo Ministerio de Hacienda contan coas aportacións dos expertos e dos grupos parlamentarios feitas no seo da Comisión de financiamento do Parlamento.

Na súa exposición, o conselleiro explicou que en sanidade, a Xunta non atopa xustificación para pasar de sete a 20 tramos de poboación, minorando o peso dos de máis idade respecto á situación actual. En base aos pesos do custe sanitario, o Goberno galego aposta por unha ponderación do gasto sanitario na banda alta da proposta, en concreto cun peso do 45%.

En educación, a comunidade galega cre que a variable que mellor reflicte o gasto educativo para as comunidades autónomas é o número de matrículas de alumnos no ensino público e no concertado ponderadas polo seu custe. A Xunta propón para esta variable un peso do 25%.

No que respecta ás políticas sociais, no caso da dependencia, o Goberno galego pide de novo que se reflicta o custe, crear tramos novos e que se pondere o custe real. A proposta consiste en ponderar a poboación de cada grupo polo seu custe en base aos diferentes graos de dependencia.

Neste ámbito a Xunta aprecia debilidades na ponderación da inclusión e bota en falta que non se midan outras políticas de gasto social como as de familia ou o apoio aos emigrantes. Para estas políticas de gasto cuestiónase a representatividade da variable proposta polo Ministerio.

En canto á dispersión, Miguel Corgos subliñou que a ponderación actual do 0,6% queda moi lonxe da cifra que debería ser compensada polo sistema. Neste sentido, lembrou que a dispersión provoca que Galicia teña un sobrecuste anual de máis de 500 millóns de euros e defendeu un incremento significativo desta variable ata polo menos o 1% e que se siga medindo en base ás entidades singulares, pois son a unidade poboacional que mellor reflicte a diseminación da poboación no territorio.

En definitiva, Galicia demanda un valor para a variable de poboación axustada que reflicta o custe diferencial de prestación de servizos, que permita financiar en igualdade de condicións a sanidade, a educación e as políticas sociais.

R., 2022-01-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES