Noticias

Galicia reduce o abandono escolar ao mínimo histórico cunha caída de 17,7 puntos desde 2009

Galicia rexistrou en 2021 a porcentaxe máis baixa de abandono escolar da súa historia, un 8,1%, un descenso de case catro puntos respecto do datos de 2020 (12%), a maior baixada interanual en Galicia desde que existen rexistros. Este dato sitúa ao sistema educativo galego a máis de cinco puntos da media estatal, que é do 13,3%, a primeira vez nunha década que se produce un diferencia desta envergadura co dato español. Isto coloca á nosa Comunidade por primeira vez entre as tres que máis éxito escolar teñen, só por detrás do País Vasco (cun abandono do 4,8%) e de Cantabria (6,4%). Só estas tres CCAA e Navarra (9,1%) están por debaixo da media que a UE marcou como meta para o ano 2020 (9,9%).

Desde o ano 2009 (no que se rexistrou un 25,8) o abandono educativo temperá en Galicia reduciuse en 17,7 puntos, ao abeiro dos programas de mellora impulsados desde o Goberno galego en prol do esforzo e o éxito escolar.

Neste sentido, a Xunta de Galicia leva anos impulsando diferentes iniciativas, como os contratos-programa ou o Plan Recupera, para reforzar as competencias do alumnado que máis o precisa e impulsar a mellora da calidade educativa. A finalidade última é que ninguén quede atrás e que cada alumno acade o seu máximo no sistema, previndo o abandono educativo temperán, que se define como a porcentaxe de poboación entre 18 e 24 anos que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada).


Así mesmo, a evolución na implantación de programas como EduLingüe ou a Estratexia Galega para a Educación Dixital, que avanzan no coñecemento das linguas estranxeiras e nas competencias dixitais, científicas e matemáticas, todas elas fundamentais no actual mundo globalizado, contribúen a incrementar o interese do alumnado pola educación e a fomentar a súa permanencia no sistema.

Por outra banda, o feito de que Galicia sexa a primeira comunidade con máis alumnado con necesidades educativas especiais integrado en centros ordinarios supón tamén unha significativa vantaxe. A inclusión educativa é a base do éxito escolar, dado que supón atender a cada estudante en función das súas capacidades, fomentando o seu talento e disuadíndoo de abandonar.

Un éxito de toda a comunidade

O Goberno galego quere poñer en valor o traballo de toda a comunidade educativa neste camiño cara ao éxito, moi especialmente dos equipos directivos e dos docentes, sen cuxa implicación sería imposible a implantación dos diferentes programas de innovación e de reforzo que se impulsan desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A implicación das familias e o traballo do alumnado é, así mesmo, a base do fito acadado hoxe. Un dato que pon de relevancia que a cultura do esforzo é a que funciona para acadar novas metas e para consolidar resultados educativos que colocan a Galicia como referente de calidade educativa. Un liderado que tamén confirman outras entidades, como a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), a través do seu informe PISA.


R., 2022-01-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES