
Durante a sesión, celebrada en Madrid, o responsable da carteira de Sanidade da Xunta de Galicia salientou o avance no desenvolvemento da nova Lei farmacéutica de Galicia. Nestes momentos, están en pleno desenvolvemento outros cinco decretos que van regular: a planificación e autorización de novas oficinas de farmacia; os horarios e as quendas de garda; a sinalización, a publicidade e as actividades de promoción; a creación das unidades de farmacia de atención primaria; así como o subministro de medicamentos a domicilio. Todos eles, dixo, remataron o período de consulta pública o pasado venres.
Con respecto a este último, García Comesaña lembrou que, durante os peores momentos de pandemia e de xeito extraordinario, as farmacias achegaron os fármacos ás casas daqueles galegos que non podían desprazarse ata o seu hospital de referencia nin tampouco ata a súa farmacia na procura da súa medicación. Coa este decreto, regúlase, pois, esta entrega, prestando un servizo esencial a doentes dependentes, crónicos, de idade avanzada ou que viven en zonas illadas.
Unha normativa con marcado carácter de servizo público
Pioneira, ambiciosa e axustada ás necesidades de profesionais e usuarios, así é como García Comesaña definiu a reforma que iniciou Galicia, hai xa uns anos, do seu sistema farmacéutico e no que a súa normativa está ben situada e avanzada de cara a aplicar a Estratexia farmacéutica que se vén de aprobar, a finais do pasado ano, na Comisión Europea. Ademais de ser un texto que vai na liña das demandas europeas, é dos máis modernos de España. Neste senso, resaltou o marcado carácter de servizo público, xa que un galego, independentemente do lugar no que viva, ten garantido o acceso rápido, eficaz, oportuno, equitativo e racional á medicación.
Recordou o concurso público de apertura de novas oficinas de farmacia, que permitiu autorizar un total de 41 o 76% delas no ámbito rural e semiurbano-, asegurando, así, que todos os concellos de Galicia conten coa súa oficina de farmacia. Puxo en valor a tramitación dun proceso que foi modélico: Mentres noutras comunidades o tempo medio de duración de resolución é de entre cinco e dez anos, Galicia fíxoo nun tempo récord dun ano.
Por outra banda, o conselleiro de Sanidade fixo referencia ao programa de atención farmacéutica que, na actualidade, o Servizo Galego de Saúde ten estendido en máis de 100 centros sociosanitarios. Aproveitando o novo modelo residencial que a Xunta vai implantar nos centros de maiores e de persoas con discapacidade, o Sergas actualizará dito programa co fin de chegar a todos os centros de máis de 90 prazas da nosa Comunidade, acadando unha cobertura do 70% das prazas.
O sector farmacéutico, clave para afrontar a pandemia
García Comesaña aproveitou a xornada para destacar, tamén, o modelo galego de xestión da pandemia, cuxo eixo central foi o seu comité de expertos, ao igual que a anticipación na implantación de medidas e a importancia da coordinación e a colaboración.
Neste punto, tivo palabras de agradecemento para os profesionais farmacéuticos, claves na atención do cidadán: As oficinas de farmacia foron unha extensión do sistema sanitario. Así, lembrou o reparto de máscaras á poboación máis vulnerable, a entrega de medicamentos a domicilio, a emisión dos certificados covid ou o apoio na labor de vixilancia epidemiolóxica.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.