Noticias

Galicia supera en 2021 o récord histórico de exportacións sumando máis de 23.000 millóns entre xaneiro e novembro

Galicia segue a mellorar os resultados positivos das súas vendas ao exterior, ata o punto de que as exportacións galegas marcan un novo récord e suman, entre xaneiro e novembro de 2021, máis de 23.000 millóns de euros. A cifra, que non se acadara ata o de agora nun exercicio completo no conxunto da serie histórica, permite superar por quinto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros en exportacións, acadando un novo teito á espera de pechar 2021 coas cifras do último mes de decembro. Neste sentido, e tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), as exportacións galegas aumentaron, entre xaneiro e novembro do ano pasado, nun 22,2%, ata acadar os 23.122 millóns.

Ademais, a porcentaxe de incremento das exportacións da Comunidade nestes once primeiros meses de 2021 sitúanse un punto por riba da media estatal (+21,2%), situándose Galicia como a sexta comunidade na que máis medran as exportacións no que vai de exercicio. Este incremento permite a Galicia contar cun saldo favorable de 4.858,5 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas entre xaneiro e novembro, sendo a comunidade autónoma con maior saldo comercial en termos absolutos, mentres que en España a balanza continúa en números vermellos.

No que respecta aos datos interanuais de novembro, as vendas ao exterior aumentaron este mes un 17,2% con respecto a novembro do ano pasado, sumando nesta ocasión 2.463,9 millóns de euros.

No tocante ás empresas exportadoras, no período xaneiro-novembro tamén marcan un novo récord, chegando ás 8855.

Pola súa banda, entre os sectores que están detrás do ascenso das exportacións no acumulado dos once primeiros meses figuran o téxtil, cunha suba do +36,2%; a automoción, cun incremento do +7,1% con respecto ao ano pasado na venda de automóbiles; e a industria metalúrxica, cun aumento do +51%.

Por países, todos os estados cos que o peso do comercio galego é significativo aumentan, producíndose, no marco da Unión Europea, importantes ascensos nos principais compradores en relación ao mesmo período do ano anterior: Italia (+40,7%), Alemaña (+24,4%), e Portugal (+19%), e tamén destacan outros destinos como Marrocos (+67,9%) ou Estados Unidos (+62,7%)

O apoio da Xunta de Galicia

Na procura de acompañar este traballo das empresas no actual contexto e de contribuír á súa recuperación económica, a Xunta de Galicia conta cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025 para facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

A Estratexia contempla, como primeiro paso, un plan de acción inicial para o período 2021-2023 que suma máis de 70 millóns de euros para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego. Un programa que se sustenta sobre catro piares: o fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento ao tecido empresarial e a difusión de casos de éxito.

A través desta Estratexia, a Xunta de Galicia aspira a manter e reforzar a súa colaboración co tecido produtivo galego, mellorando a súa competitividade a través da internacionalización e a dixitalización.

R., 2022-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES