
O titular da Xunta aproveitou tamén a xuntanza para trasladar a necesidade dun acordo global para desenvolver a industria eólica mariña e terrestre na Comunidade. Creo que é imprescindible facelo porque España e Galicia precisan máis enerxía verde, dixo, incidindo na importancia de que o Goberno central se incorpore ao Observatorio de eólica mariña a nivel galego que integra á industria, ao sector pesqueiro e á Administración autonómica, para estudar de forma conxunta como desenvolver esta enerxía, tendo en conta todos os intereses.
Sería bo buscar a complicidade de ambas administracións, porque as dúas queremos facer parques cumprindo a lexislación ambiental, asegurando os dereitos das persoas no territorio e incrementando a capacidade enerxética de España, abundou, recordando que, no tocante á eólica terrestre, Galicia conta cun plan sectorial que indica onde se poden desenvolver os parques.
Así mesmo, o titular da Xunta expresou novamente a preocupación polo impacto que o encarecemento da enerxía ten na industria electrointensiva e hiperelectrointensiva en Galicia e, a tal efecto, avanzou a decisión da Xunta de introducir un artigo na Lei de áreas empresariais para que as empresas que constrúan parques eólicos na comunidade e destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo da enerxía (PPA) teñan prioridade na tramitación.
Nesta mesma liña, Feijóo fixo fincapé no enorme risco industrial que supón para o país o apagado das cubas de Alcoa. Non podemos quedar sen a única planta de aluminio primario de España, sentenciou, ademais de recalcar a urxencia de activar as cubas sen esperar a 2024 e na disposición do Executivo galego para a firma de PPAs.
E non podemos quedarnos tampouco sen industria pasteira, engadiu, referíndose a Ence e á posibilidade de adscribir a factoría aos terreos da Autoridade Portuaria de Marín.
Por último, e sobre as axudas a proxectos localizados dentro das zonas de transición xusta -5 na zona de Cerceda e 14 na das Pontes-, o presidente da Xunta instou ao Goberno a permitir que as comunidades participen no deseño das iniciativas, co obxectivo de garantir a maior eficiencia no emprego dos fondos públicos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.