Noticias

Galicia rexistra un total de 41.800 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 41.800 deles 7.466 son da área da Coruña, 3.556 da de Lugo, 4.423 da de Ourense, 5.581 da de Pontevedra, 10.403 da área de Vigo, 7.936 da de Santiago e 2.435 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 50 están en UCI, 270 en unidades de hospitalización e 41.480 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 200.516 persoas curadas, rexistrándose 2.764 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 3.308.201. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 5.849.137.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e indicacións sobre o uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara en espazos interiores e, tamén, no exterior.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

R., 2021-12-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (artesania-alfareria.jpg) Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra é un evento de comercialización directa e de divulgación dos oficios artesanais no que participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia. Os 19 expositores que comercializan as súas pezas neste evento representan 11 oficios diferentes: a marroquinería, a madeira, a elaboración de roupa, o pirogravado, a cerámica, o téxtil, a olería tradicional, a xoiería, os xoguetes, a bixutería e o vidro. Ao longo de toda a xornada celebraranse tamén tres obradoiros gratuítos e abertos ao público.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-ordenador.jpg) O DOG publica hoxe a convocatoria para iniciar o proceso de inscrición das entidades colaboradoras da iniciativa dos bonos dixitais, dirixido a operadores de telecomunicación e empresas que ofrezan servizos de internet. Unha vez que se publique no DOG o listado de entidades colaboradoras poderán solicitarse os bonos, que facilitarán a contratación de servizos de internet a persoas vulnerables, cun orzamento de 1,3 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Notas

Por terceiro ano consecutivo, a clasificación elaborada polo Academic Ranking of World Universities sitúa a USC no intervalo 401-500 das mellores universidades a nivel mundial. A USC consolida así unha posición que mantén dende 2020 e colócase no chanzo 9-11 das institucións destacadas pola listaxe na contorna estatal.
O Festival Noroeste Estrella Galicia pecha unha 35ª edición de impacto. A programación do festival contou desde o mércores 10 de agosto ata o domingo 14 de agosto con 51 concertos que encheron durante cinco días de estilos musicais diversos ata 10 enclaves diferentes repartidos pola cidade da Coruña. Unha edición histórica, pola que pasaron en total máis de 187.000 persoas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania