Noticias

Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Clúster TIC e Universidade da Coruña asinan o convenio de cogobernanza da Cidade das TIC

A biblioteca da antiga Fábrica de Armas da Coruña acolleu o acto de firma do Convenio para a elaboración do Plan Director e Constitución da Estrutura de Cogobernanza da Cidade das TIC que asinaron a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey García; o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, en calidade de presidente do Igape; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e o reitor da UDC, Julio Abalde.

"Arrancamos este proxecto de futuro co que estamos moi ilusionados”, confesou o reitor, agradecendo a todas as administracións a súa implicación e apoio para materializar a Cidade das TIC. Para o Delegado do Goberno en Galicia, este proxecto supón cambiar “rifles e proxectís por computadoras e chips”. Miñones amosou o seu convencemento e o do Goberno de España en que este proxecto será “un referente tecnolóxico que lidere unha nova era industrial na cidade da Coruña”.

O vicepresidente económico, pola súa banda, deixou constancia do compromiso da Xunta de Galicia coa Cidade das TIC, un dos proxectos incluídos na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation e co que se pretenden mobilizar 55M€. Conde foi rotundo ao afirmar que “a Cidade das TIC será un revulsivo da economía galega”. O conselleiro cualificou o polo tecnolóxico en que se converterá a Cidade das TIC como “unha gran idea”. A firma do convenio de cogobernanza é “o primeiro dos pasos” co que se planifica o futuro da Cidade das TIC, no que “debemos seguir traballando con espírito de cooperación”. Finalmente, Francisco Conde adiantou que o proxecto da Cidade das TIC estará incluído no Plan estratéxico para o sector TIC que a Xunta vai impulsar no ano 2022.

A alcaldesa cualificou o día de hoxe como un “momento decisivo” para A Coruña e a súa comarca. O convenio asinado, afirmou, é o “pulo decisivo para a posta en marcha dunha infraestrutura estratéxica para a cidade”. Inés Rey amosouse convencida de que o proxecto vai converter á Coruña nunha referencia nacional e internacional que xerará emprego e aumentará a competitividade da cidade.

O presidente da Deputación ratificou con contundencia a importancia do proxecto da Cidade das TIC. “Estamos sentando as bases do proxecto estratéxico máis importante para Galicia nos próximos anos” que vai cambiar “o modelo produtivo”. González Formoso recalcou ademais o apoio das diversas administracións no proxecto. “Nun contexto de incertezas que as administracións sexan capaces de unirse para sacar adiante un proxecto como este é vital”, dixo. “Este é o modelo que temos que seguir”, desexou.

Nesta liña de colaboración conxunta de distintas administracións incidiu tamén o presidente do Clúster TIC Galicia. “É moi difícil conseguir o que se consegue hoxe” coa firma do convenio pero “o proxecto o merece”, continuou. Rodríguez del Corral asegurou que “a Cidade das TIC será o punto clave do apoio para todo sector industrial de Galicia e o grande xacemento de emprego dos próximos dez anos”. “É un elemento clave da economía do futuro de Galicia”, resumiu o empresario.

O convenio que se asinou hoxe ten como obxectivo sentar as bases de colaboración entre as partes para dinamizar a construción e dotación da Cidade das TIC de xeito que se poida materializar no menor tempo posible. Desta forma, as primeiras actuacións son a elaboración do Plan Director da Cidade das TIC e o deseño e posta en marcha da súa estrutura de gobernanza, cun prazo máximo de realización dun ano a partir da firma do convenio.

O Plan Director establecerá a folla de ruta do proxecto da Cidade das TIC. Incluirá, entre outros aspectos, un plan estratéxico cos seus obxectivos a curto e medio prazo e un plan de xestión co deseño dun modelo de negocio sustentable, ademais dun plan de sustentabilidade económico-financeiro e a constitución dunha nova sociedade xestora da Cidade das TIC.

A entidade xestora da Cidade das TIC será unha entidade decidida polos socios asinantes. Mentres non se constitúa formalmente haberá unha estrutura provisoria impulsada por unha comisión de seguimento presidida polo reitor da UDC, Julio Abalde, e formada por un representante de cada unha das entidades: a Xunta, a través do Igape; Deputación, Concello e Clúster.

O orzamento para a execución do convenio asinado hoxe é de 180.000 euros, dos que o Concello da Coruña aporta 75.600€; a Xunta, a través do Igape, 36.000€; a Deputación, 36.000€; a UDC, 30.600€; e o Clúster, 1.800€.

O acto de firma do convenio contou coa asistencia do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a directora do Campus Innova da UDC, Susana Ladra, o Delegado de Defensa en Galicia, Antonio Bernal, a Subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o Delegado Territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, así como membros da comunidade universitaria e representantes institucionais e do sector empresarial.

Cidade das TIC

O 18 de febreiro de 2020 o Ministerio de Defensa resolveu outorgar unha concesión demanial á Universidade da Coruña sobre os terreos e as instalacións que conforman a propiedade denominada Fábrica de Armas da Coruña.

A Cidade das TIC desenvolverase na totalidade do terreo e comprende todos os inmobles da Fábrica de Armas. Cunha superficie aproximada de 127.943 m2, os seus principais inmobles están formados por sete naves industriais da antiga Fábrica: almacén xeral; prensas e canóns; revisión e metroloxía; forza, pulimento e tratamentos térmicos; mecanismos, montura e montaxe; diversas, electricidade, caldeiraría e soldadura; e tratamentos superficiais e areado, así como outros edificios do complexo. Sobre estas instalacións e terreos crearase a Cidade das TIC, un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional que actúe como un demostrador de tecnoloxías emerxentes, de apoio ao tecido empresarial pola prestación de servizos tecnolóxicos avanzados non dispoñibles en Galicia, que facilite a instalación de empresas do sector e serva como vector de crecemento e dinamización económica grazas á creación de startups, o impulso da I+D+i, o fomento do emprendemento e a atracción de empresas multinacionais.

A Cidade das TIC será un ecosistema TIC dinámico e vangardista que combinará infraestruturas de innovación e servizos TIC avanzados para a innovación industrial; un campus tecnolóxico vinculado á UDC con cabida para un centro de I+D en novas tecnoloxías; unha incubadora empresarial de alta tecnoloxía centrada principalmente en Intelixencia Artificial e Big Data; un centro demostrativo e de servizos avanzados que proporcione novos servizos tecnolóxicos ás empresas; espazos de formación e difusión TIC; un parque empresarial TIC para o aloxamento de pequenas e grandes empresas tecnolóxicas, e servizos de apoio á Cidade.

O proxecto da Cidade das TIC está entre os candidatos a recibir fondos Next Generation. No ano 2020, a Cidade das TIC recibiu o apoio financeiro de 4,8 millóns de euros da Xunta de Galicia, a través do Igape, para a construción do Centro de Servizos Avanzados (CSA). Ademais, o proxecto Galaxy-Lab do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), outra entidade que se asentará na Cidade das TIC, recibirá da Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Economía, unha subvención de 579.850 euros para a posta en marcha deste laboratorio no que se dedicará a experimentar con vehículos aéreos non tripulados (drons) para o transporte de mercadorías e pasaxeiros en contornos urbanos. Segundo avanzou o reitor, nun prazo de catro meses se habilitará o espazo para acoller este laboratorio na Cidade das TIC.

O proxecto do arquitecto Carlos Pita foi o gañador do concurso para a rehabilitación da Fábrica de Armas como Cidade das TIC así como para o deseño do primeiro dos edificios, o CSA, que ocupará unha das naves da Fábrica de Armas. A previsión é que en xaneiro de 2022 comecen as obras de rehabilitación e que estea dispoñible a finais de 2022. Para o CSA proponse unha construción de 2.627 metros cadrados entre a planta baixa e a entreplanta destinados a empresas TIC; e 2.069 metros cadrados para laboratorios, aulas e zonas comúns (cafetería, espazos de traballo informais, instalacións...). O proxecto de Carlos Pita plantexa a potenciación da tipoloxía basilical do edificio coa introdución dunha nova construción de madeira de 440 metros cadrados, destinado a aulas, coworking, cafetería e espazo informal.

Esta nave acollerá empresas do sector tecnolóxico, para o que o Clúster TIC recibiu solicitudes formais para 17.000 m2 de superficie. O Clúster adxudicou os espazos ás empresas Imatia, Cinfo, ITG, Xoia, Enxenio, Odeene, Tokiota, Dataspartan, Soslife7 e Itelsis. Ademais recibiu a petición da firma Denodo para ocupar unha nave enteira.

A Universidade da Coruña convocou recentemente o concurso de ideas para o deseño do novo edificio Centro de Investigación TIC-Intelixencia Artificial (CITIC-IA) na Cidade das TIC, gañado pola proposta presentada por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín.

Este edificio de nova construción será un centro de I+D+i denominado CITIC-IA. Ocupará unha superficie inicial de 6.500 metros cadrados construídos, pero contempla a posibilidade de crecemento ao dobre da súa superficie.

Foto: Desde a esquerda, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; José Miñones, Delegado do Goberno en Galicia; Julio Abalde, reitor da UDC; Francisco Conde, conselleiro de Economía; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e Susana Ladra, directora do Campus Innova.

R., 2021-12-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (vivenda-03.jpg) A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou que o Plan Estatal de Vivenda replica os mesmos erros do anterior, polo que 'non solucionará o problema de acceso á vivenda, ao non impulsar a construción nin o desenvolvemento de solo'. Allegue, acompañada pola secretaria xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), María Ángeles Domínguez Franjo, abordou hoxe nunha rolda de prensa este novo plan, que non está consensuado, polo que adiantou que a Xunta solicitou hoxe unha reunión bilateral co Ministerio, previa á Conferencia Sectorial para que se inclúan as reivindicacións de Galicia, xa trasladadas en decembro do ano 2024.
Foto de la tercera plana (cgac-2021.jpg) Foi inaugurada a “unión artística” de Jaione Camborda, Max Estebam e Joan Fontcuberta na experiencia inmersiva 'Percepción e incerteza', coa que o Centro Galego de Arte Contemporánea arranca a súa programación de outono. Trátase dun diálogo entre tres grandes creadores actuais que traballan coa imaxe en movemento desde perspectivas moi distintas, pero das que son nomes referentes. Cada unha das pezas dos tres artistas aborda os conceptos de percepción e da incerteza desde canda súa disciplina. Deste xeito, Jaione Camborda afonda no universo dunha persoa xordocega en relación coas posibilidades e contradicións do mundo cuántico.

Notas

A USC bota a andar unha nova edición do seu Outono Cultural cunha ampla programación que abrangue música, teatro, danza, mostras, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais, entre outros contidos. A oferta de actividades diríxese ao estudantado da USC pero tamén están abertas ao conxunto da cidadanía. Así, o 1 de outubro, ás 21.00 horas, o público poderá coñecer de preto a traxectoria de Hugo Guezeta a través dun concreto falado, nunha sesión conducida por Rodri Míguez.
O grupo de Análise de Concas Sedimentarias do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lidera un proxecto que busca estudar a dinámica xeolóxica e sedimentaria da ría de Vigo e analizar a resposta dos ecosistemas costeiros ás variacións climáticas e ao nivel do mar. A iniciativa conta cun financiamento de 156.250,00 euros no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES