Noticias

Xuventude Crea premia o talento musical da ourensá Alicia Otero por 'O retrato' e 'Saliva y alquitrán'

O programa Xuventude Crea da Xunta de Galicia premiou o talento musical das mozas e mozos finalistas da categoría de música. A ourensá Alicia Otero foi o primeiro clasificado coa súa peza O retrato e Saliva y alquitrán. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, foi a encargada de entregar os premios aos gañadores durante a final, que tivo lugar onte no Playa Club da Coruña. O primeiro premio recibirá unha gratificación económica de 3000 euros; 1500 euros o segundo; e 1000 euros os terceiros clasificados. Nesta especialidade de Xuventude Crea presentáronse un total de 19 solicitudes nas que están involucrados 36 mozas e mozos entre grupos e solistas. Finalmente, foron tres grupos e tres solistas os que chegaron á última fase.

O segundo premio foi para Ana & Marián (de Noia e Outes), cos temas Faros e Canto ao mar; e o terceiro para Karma Animal (Vigo), con Fénix e Marfil. Os autores das obras gañadoras tiveron que competir co resto de finalistas, entre os que se atopaban Burgas Vandal (Ourense), cos temas Inimigo e Purgatorio; Tiam Gz (Chantada), coas pezas Males endémicos e Muinhei-rap de Chantada; e Galboir (Arzúa), cos temas Noite eterna e Case todo ben.

Premiados en videocreación, creación de videoxogos e teatro

Xa se coñeceron os gañadores nas categorías de videocreación, creación de videoxogos, teatro, artes plásticas e fotografía, graffiti, poesía, novela curta e cociña. Na modalidade de videocreación, o primeiro premio foi para Aarón Vilariño Figueiras, de Santiago de Compostela, pola obra Peixe; o segundo, para Vulgaris de Mario Fernández Filloy, do Carballiño; e o terceiro foi compartido entre Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, con O principio do movemento e Alba Rodríguez Villar, de Cedeira, con Quebec delta.

Ademais, nesta segunda edición da categoría de creación de videoxogos o primeiro premio recaeu en Misery, de Hopless Productions, feito por Manuel Silva e Pedro Peteiro, de Oleiros. O segundo foi para Valico, the grim world de Team Valico, realizado por Iván Fernández e Luis D. Lobo, de Vigo; e o terceiro foi para Underworld de Osfados, de Alba Paz e Alison Dieste, de Cambados.

Na modalidade de teatro, o gañador foi o grupo de Santiago Mevadeus, coa obra Agro 5g. O segundo premio foi para o grupo As catro, de Vigo, pola súa interpretación da obra Que rima con Chomsky?. En terceiro lugar situouse o grupo Xebra, tamén de Vigo, por Irremediablemente soa.

Vencedores en artes plásticas e fotografía

María Gar, de Pontevedra, coa súa creación titulada Fragmentos de una erosión; e Andrés Seara, de Ourense, por Spectra, foron os gañadores nas categorías de artes plásticas e fotografía, respectivamente.

Así mesmo, en artes plásticas quedou segundo clasificado o vigués Oliver Alfonso Fernández, por We are all alike; e o terceiro posto foi compartido por Alejandro Vázquez Tomé, tamén de Vigo, por Quería mandarte flores e Alejandro Reiriz Pouseu, de Bueu, por Galicia esperta e herbas ledas.

No caso da modalidade de fotografía, compartiron o segundo premio o lugués Adrián Vazquez Rodríguez, autor de Diversas, e a viguesa Rocío Campoy Lage, por Berros. Tamén foi compartido o terceiro premio por Claudia Valentina Feijoo Díaz, de Sada, con Mares doutros, e o coruñés Hadrián Márquez pola súa creación denominada Pare. Así mesmo, o xurado outorgou unha mención de honra para David García Villaverde, da Coruña, por O patio do monxe.

Gañadores en graffiti, poesí e novela curta

Pola súa banda, o artista ‘Honey’, de Baiona, venceu na especialidade de graffiti coa súa creación titulada Bo Camiño. Segundo quedou ‘Ares’, de Tui, con As dúas en punto; e o terceiro posto foi para ‘Seek’, tamén natural de Baiona, pola súa peza Galaxia animal. Nesta modalidade concedeuse unha mención de honra á artista ‘Maldita’, de Ribadavia, pola súa creación titulada 37 min.

Na modalidade de poesía, o xurado recoñeceu a profundidade filosófica, a modernidade e o manexo dos recursos literarios que fai Brais Lamela na obra que presentou a concurso: A linguaxe dos outros. En segundo lugar quedou Judith Ruso Pereiro, de Negreira, con Hábitat hostil; e a terceira clasificada foi a santiaguesa Navia Rivas Castro con Aprender a respirar.

Na categoría de novela curta, Alba Guzmán Falcón, de Ourense, fíxose co primeiro premio por Xoaniña de deus. Entre os trece escritos que se presentaron, quedou en segunda posición o do mozo de Santiago Adrián Noia Vázquez, coa obra O país dos raposos. O terceiro lugar foi para Aarón Barreira Diz, de Culleredo, por Indicios esferoides.

Cociña e danza moderna

En cociña, a santiaguesa Francesca De Nigris, resultou a primeira clasificada co prato Tartaleta de castañas con cremoso queixo San Simón e coulis de pera e mostaza. En segunda posición quedou o equipo formado por Andrea Maseda Prado e Miguel Morán Gueimonde, de Cospeito, con Nube de albaca e xeado de tomate de Carmen, sobre sopa fría de queixo do Cebreiro; e o terceiro lugar foi compartido polos lucenses Michael Cebral López e Pablo Torreira Pardo, que confeccionaron a receita Esencia de fraga; e Ainhoa Martínez Álvarez, da Pobra de Trives, co seu prato Entroidallo.

Na categoría de danza moderna, celebrada a tarde do sábado no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o primeiro premio foi para a agrupación de Tui Siete Pecados, que levou o galardón cunha representación que leva o seu mesmo nome. Mentres, a obra Impulsive, de Llui Waratchaya, de Vigo, e Cristales da Coruña con The other side of paradise compartiron o segundo premio; e Manos perdidas de Macorinos, da Coruña, e Mantendo a esencia, do grupo de Nigrán Grow as Ohana, levaron un terceiro premio compartido.

Catorce categorías

Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Participan mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021.

Son un total de 14 as categorías propostas nesta edición, que abranguen desde a creación de videoxogos e videocreación; ata novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, poesía, banda deseñada ata graffiti, deseño de xoias, moda e danza.

R., 2021-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (xabaril.jpg) A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, informou hoxe sobre a declaración da emerxencia cinexética temporal nun total de 38 comarcas galegas pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril, que entrará en vigor mañá, sábado, 18 de outubro, logo de que hoxe se publicasen as correspondentes resolucións no Diario Oficial de Galicia. Segundo indicou Marisol Díaz, as declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os Tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais.
Foto de la tercera plana (faros-ruta.jpg) O Roteiro dos Faros percorre o norte de Galicia e visita Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, o Santuario de Santo André de Teixido e o Cabo Estaca de Bares. Os participantes tamén poden coñecer Viveiro e os cantís de Loiba. Este itinerario do Roteiro dos Faros desenvólvese nos meses de xuño a setembro. En 2025, o programa de Trens Turísticos de Turismo de Galicia alcanzou se un 92,15% de ocupación nas prazas á venda. As rutas nas que practicamente esgotaron a totalidade das prazas foron as dos Queixos, Ribeira Sacra-Miño, Rías Baixas, Ribeira Sacra-Sil e Faros.

Notas

O Eurocampus Emerge, formado por nove universidades periféricas europeas, entre as que se atopa a UDC, dá novos pasos desde o seu lanzamento hai un ano. Así quedou constatado na recente reunión de goberno da alianza, celebrada en Rennes, á que asistiu o reitor da UDC, Ricardo Cao, xunto con outros participantes da institución académica coruñesa neste proxecto internacional.
Por ser unha entidade comprometida cos valores do galeguismo, o pluralismo e a tolerancia; por facer da lingua e a cultura galegas a súa razón de ser. Por todo isto e moitos outros argumentos, a Editorial Galaxia recibiu este venres a medalla de ouro da Universidade Vigo, o máximo recoñecemento outorgado pola institución académica viguesa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES