Noticias

A Xunta e os hostaleiros acordan solicitar o certificado covid nos locais do sector para garantir a seguridade sanitaria ante o aumento dos contaxios

A Xunta e os hostaleiros acordaron solicitar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- para acceder aos locais do sector co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria debido ao aumento dos contaxios nas últimas semanas pero causando o mínimo prexuízo posible ao sector. O Goberno galego, dacordo cos hostaleiros, proporá solicitar o certificado covid na hostalería, que require autorización previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A previsión é solicitalo nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías a partir das 21,00 horas.

Con esta medida, que xa se está a empregar no ocio nocturno e nos albergues de peregrinos, así como nas visitas aos hospitais, preténdese garantir a seguridade sanitaria para que se poidan manter os horarios e a capacidade máxima do 100% actuais no sector hostaleiro.

A implantación do certificado covid abordouse na reunión desta tarde entre o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, con representantes da hostalería. Tamén se trataron outras medidas coas que garantir unha hostalería segura con axustes no número de persoas por mesa ou agrupacións de mesas cun máximo de 8 persoas no interior e 15 no exterior, fronte ás 10 no interior e os 20 das terrazas vixentes ata agora.

Ao encontro, que xa estaba previsto desde a última reunión celebrada hai un mes para abordar o aumento da actividade en decembro debido ás celebracións de Nadal, tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Debido ás circunstancias actuais desde o punto de vista sanitario ante a covid co repunte da incidencia, a Xunta mantén o compromiso co sector para que a necesidade de garantir a seguridade sanitaria se poida compatibilizar co mantemento da actividade económica da hostalería e o turismo.

Co obxectivo de dar estabilidade ao sector, a Xunta vén mantendo desde o inicio da pandemia un diálogo fluído e constante con representantes da hostalería e do ocio nocturno e cos que chegou a acordos coa posta en marcha de plans cos que precisamente garantir a continuidade da actividade con independencia da incidencia da covid.

A Xunta mantívose ao lado dos hostaleiros nos meses máis difíciles da pandemia e leva feito un importante esforzo neste ano para axudar á reactivación do sector turístico no seu conxunto cun investimento de máis de 120 millóns de euros, dos que máis de 90 millóns se corresponden cos pagos realizados á hostalería a través dos 2 primeiros Plans de Rescate da Xunta.

Os máis de 31,2 millóns restantes inclúen distintas liñas de axudas para apoiar ao turismo galego, incluíndo aos locais de hostalería e do ocio nocturno que, por exemplo, puideron optar a máis de 6 millóns de euros para adquirir equipamentos poscovid e a outra de outros 6 millóns para dotarse de recursos tecnolóxicos e mellorar a súa dixitalización.

R., 2021-11-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.
Foto de la tercera plana (universidade-estudante.jpg) O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para reforzar o acompañamento psicolóxico aos estudantes. Este acordo, dotado con 60.000 euros, dá continuidade ao xa asinado en 2025, un ano no que se os dispositivos de acompañamento psicolóxico das universidades públicas galegas atenderon 370 alumnos.

Notas

O Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible da USC acollerá o vindeiro venres o encontro anual da Rede Artigo9Tech, unha iniciativa que promove a aplicación do coñecemento científico e tecnolóxico ao ben común e á cooperación para o desenvolvemento, e que reúne profesionais da USC, a UDC e a UVigo,e a diversas entidades sociais, como Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia.
O proxecto europeo Marinnonet, liderado polo Centro de Investigación Mariña da UVigo no marco do programa Interreg Atlantic Area, chega ao seu fin tras tres anos de traballo con resultados que contribúen a fortalecer o sector da biotecnoloxía azul no espazo atlántico. Os socios participaron na xuntanza final e, entre os principais logros, destacaron a creación dunha rede transnacional de cooperación científica e empresarial.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES