
Máis polo miúdo, sinalou que o propósito é empregar eses recursos para iniciativas relacionadas con enerxías renovables, eficiencia enerxética, control da contaminación, conservación da biodiversidade , transporte limpo, así como para usos sociais de apoio a infraestruturas básicas como melloras de camiños, extensión da banda ancha ou construción de hospitais, entre outras.
Ademais, o presidente da Xunta avanzou que nos vindeiros días se formalizará esta emisión, que non é improvisada, dixo, senón que xa estaba prevista no Plan anual de endebedamento. Nese sentido, incidiu en que esta emisión non suporá un aumento da cifra neta de débeda.
Ao longo da intervención, Feijóo tamén recordou que Galicia conta cun Marco de Financiamento Sostible para promover tanto estas operacións como un financiamento responsable para afrontar os nosos desafíos. "No orzamento de 2022 destinamos 8.660 M a gasto social tradicional e emprego, o máis alto da historia da Comunidade", destacou, ao tempo que subliñou que se abonarán só 74 M€ de intereses de débeda.
Por último e a ese respecto, o presidente da Xunta fixo referencia aos datos do Banco de España que ratifican a Galicia como a Comunidade con menor aumento do volume da débeda desde 2008, e "pechamos o segundo trimestre do ano como a 3ª Comunidade con menor endebedamento por habitante" engadiu. En definitiva, "máis investimento para recuperación, menos impostos e menos endebedamento", concluíu.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.