Noticias

A incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico podería duplicar o transporte de mercadorías por ferrocarril no ano 2030

A Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2021-2028 busca, precisamente, definir as actuacións necesarias para aproveitar ao máximo a incorporación ao Corredor Atlántico, incrementando área de influencia dos Portos da Comunidade mediante o fomento da multimodalidade do transporte de mercadorías asociado a eles. Ethel Vázquez sinalou como meta deste proxecto impulsar o transporte de mercadorías entre Galicia e o resto de España, Portugal e o conxunto da UE, para conseguir transportar 3 millóns de toneladas máis cada ano por ferrocarril, sendo así máis competitivos e evitando, dese xeito, a emisión de 150.000 toneladas de CO2 cada ano.

A Xunta de Galicia marca o obxectivo de duplicar o transporte de mercadorías por ferrocarril no horizonte do ano 2030 grazas ao aproveitamento da incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico europeo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu hoxe a presentación do proxecto da Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2021-2028 aos principais portos e operadores loxísticos e empresariais de Galicia, para convidalos a implicarse de forma activa na súa elaboración.

No encontro estiveron presentes os presidentes das Autoridades Portuarias da Coruña, Martín Fernández-Prado; de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña; de Ferrol, Francisco Barea Paz; e de Marín, José Benito Suárez Costa; ademais da directora da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Begoña Mesejo, entre outros. Ademais, participaron a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o vicepresidente da Confederación Galega de Empresarios e presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, entre outros.

Na súa intervención, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que Galicia, en alianza con Castela e León e Asturias, conseguiu a incorporación da súa rede ferroviaria ao trazado do Corredor Atlántico de mercadorías e agora cómpre aproveitar as oportunidades de financiamento para acadar unha modernización efectiva das infraestruturas que incremente a nosa competitividade e sitúe Galicia como “porta de entrada das mercadorías” a Europa.

A Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2021-2028 busca, precisamente, definir as actuacións necesarias para aproveitar ao máximo a incorporación ao Corredor Atlántico, incrementando área de influencia dos Portos da Comunidade mediante o fomento da multimodalidade do transporte de mercadorías asociado a eles.

Ethel Vázquez sinalou como meta deste proxecto impulsar o transporte de mercadorías entre Galicia e o resto de España, Portugal e o conxunto da UE, para conseguir transportar 3 millóns de toneladas máis cada ano por ferrocarril, sendo así máis competitivos e evitando, dese xeito, a emisión de 150.000 toneladas de CO2 cada ano.

A conselleira avanzou que, con este traballo, en xaneiro de 2022 Galicia contará cun “Plan de acción” que presentará ante o Goberno de España, co conxunto de actuacións necesarias para impulsar a modernización da súa rede ferroviaria e incrementar a súa competitividade.

O obxectivo é completar as infraestruturas esenciais no transporte de mercadorías, especialmente a conexión de tren de Punta Langosteira e a Saída Sur de Vigo, ademais de incrementar a colaboración interrexional e entre operadores e de promover incentivos que impulsen o transporte intermodal. O investimento inicialmente estimado para acadar estes obxectivos é de 3.300 M€.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade do Goberno galego subliñou a necesidade de aproveitar a oportunidade actual na que os fondos europeos poden empregarse para dotar Galicia dunha rede de infraestruturas ferroviarias moderna e competitiva capaz de ofrecer un transporte de mercadorías multimodal.

Nese sentido, lembrou que lle corresponde ao Goberno de España planificar, deseñar e presentar ante as diferentes convocatorias de fondos europeos as actuacións necesarias para a modernización da rede, defendendo o Corredor Atlántico co mesmo entusiasmo que o Mediterráneo.

Para contribuír ao impulso do desenvolvemento das infraestruturas necesarias para o reforzo da loxística galega, a conselleira explicou que a Xunta está a desenvolver esta Estratexia, que se desenvolve coordinada cos traballos paralelos desenvolvidos por Asturias e Castela e León.

Ethel Vázquez pediulles aos representantes e operadores portuarios, así como aos axentes empresariais e da loxística de Galicia que formulen as súas achegas para “asegurar que este representa o que realmente o sector portuario e da loxística precisa”.

R., 2021-11-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES