Noticias

A Master Class do audiovisual galego Augal regresa ao seu formato habitual

A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo colaboran un ano máis na organización de AuGAL, Master Class do Audiovisual Galego, que celebra a partir do 15 de novembro a súa 11ª edición e recupera o formato orixinal de encontros con recoñecidos profesionais do sector arredor da proxección das súas obras. O programa, para o que acaba de abrirse o prazo de matrícula, desenvolverase arredor de seis sesións que terán lugar ata mediados de decembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. As actividades para o curso lectivo 2021-2022 foron presentadas este mediodía na Casa das Campás da capital do Lérez.

Participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, e o profesor Paulino Pérez, coordinador de AuGAL, e Miguel Anxo Fernández.

O responsable de Industrias Culturas da Xunta destacou este regreso da master class á súa estrutura habitual, tras unha décima edición que tivo que ser aprazada ao pasado mes de maio e adaptar o seu formato para aos condicionantes sanitarios impostos pola pandemia.

Nomes recoñecidos e novos creadores

Subliñou tamén o carácter divulgativo de AuGAL como plataforma para difundir o proceso de creación e produción das obras cinematográficas e televisivas con selo galego, tanto entre os propios profesionais como entre o alumnado que proximamente pasará a formar parte deste sector. Ao tempo, dáselles visibilidade aos novos creadores con sesións específicas centradas nas curtametraxes.

Esta undécima edición arrancará o luns 15 de novembro coa sesión titulada Como facer unha longametraxe en dúas semanas, na que o director Alfonso Zarauza compartirá a súa experiencia ao respecto con Malencolía, o seu último traballo. A xornada do mércores 17 estará centrada en Cuñados, primeira longa cinematográfica de Portocabo, co gallo de analizar o proceso de escrita e desenvolvemento do seu guión da man de Araceli Gonda.

Os traballos seleccionadas na última entrega de Shorts from Galicia, catálogo editado anualmente pola Xunta para a promoción das curtas galegas, serán os protagonistas do encontro do luns 22. Nel proxectaranse A loba, de Iria Silvosa; Augas abisais, de Xacio Baño; Homeless Home, de Alberto Vázquez; Os corpos, de Eloy Domínguez, e La penumbra, de Dani Viqueira, abríndose a continuación un coloquio cos directores.

A última sesión de novembro estará dedicada á análise de dous espazos de Televisión de Galicia coa participación de María Solar, coordinadora dos programas culturais da CRTVG e presentadora de Zigzag Fin de Semana, e de Marcos Barrios, produtor e director de Desmontando Galicia.

Xa en decembro e baixo o título A canteira da FCSC, o luns 13 terá lugar a proxección das curtas realizadas polo alumnado de Comunicación Audiovisual de Pontevedra durante o curso 2020-2021, mentres que o mércores 15 se celebrará a sesión de clausura coa conferencia Valentina, animar en Galicia impartida por Chelo Loureiro, responsable de Abano Producións e directora desta longametraxe.

Como en anos anteriores, a Master Class do Audiovisual Galego está dirixida tanto a estudantes como a profesionais do sector. A matrícula é gratuíta e a adxudicación das prazas realizarase por orde de inscrición na secretaría do curso.

R., 2021-11-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES